desertización
(< desertizar)
Proceso de degradación dos solos, recursos hídricos e vexetación en zonas secas debido ao vento, á diminución da diversidade da vexetación natural e á salinización. Os límites dos desertos son dinámicos de xeito natural a curto prazo, xa que a pluviosidade é moi variable e algúns períodos de secura poden durar décadas. Por isto, nalgúns casos é difícil distinguir entre estas variacións naturais e unha degradación natural, produto das actividades do home. A desertización foi o primeiro problema ambiental de consideración global tratado pola ONU en 1977. En todo o mundo están afectadas cerca de 3.590 millóns de ha que foron degradadas, maiormente, polo pastoreo. Outras causas para a desertización son: a abusiva explotación dos solos -debido a cultivos inapropiados, diminución dos períodos libres de cultivo, perda de nutrintes, erosión e técnicas mecánicas agresivas-; a corta excesiva de vexetación, e a salinización por programas de irrigación nocivos. Un exemplo clásico de desertización fulminante foi a que se produciu, na década de 1930, nas chairas de EE UU cando se araron praderías semiáridas para o cultivo de cereais por medio de técnicas na que se fai unha cava profunda. A partir de 1931, a erosión eólica provocou a perda do fráxil solo en forma de inmensas tormentas de po. En canto á corta das árbores, é común a desaparición case total das árbores ao redor das principais cidades onde a leña constitúe unha fonte de enerxía fundamental. Por exemplo, Jartum, en Sudán, carece de árbores nun radio de 90 Km. Por outra parte, a salinización afecta a unha quinta parte das terras de regadío de Australia e EE UU, e a un terzo de Exipto, Paquistán e Siria, e a metade das de Iraq.