desmidiáceo -a

desmidiáceo -a

(< lat científico Desmidium, xénero de algas)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ás desmidiáceas.

  2. s f [PROTISTA]

    Alga da familia das desmidiáceas.

  3. s f pl [PROTISTA]

    Familia de algas, da orde das desmidiais, as máis delas unicelulares, con paredes celulares ornamentadas e perforadas -frecuentemente con ferro, feito que lles proporciona unha coloración amarelada-, divividas en dúas metades iguais e simétricas separadas por unha sutura chamada itsmo. Cada metade da alga presenta un gran cloroplasto central provisto de pirenoides, e no medio da célula sitúase o núcleo. A reprodución vexetativa prodúcese por bipartición e nalgúns xéneros as células permanecen unidas trala división e dan lugar a cadeas de células. No caso da reprodución sexual, que aparece cando as algas empezan a sufrir condicións ambientais desfavorables, dúas células sitúanse xuntas e cóbrense de xelatina, rompen a parede celular, liberan os protoplastos que se unen nun único cigoto e quedan fóra as catro metades das paredes celulares. A envoltura endurécese e forma acículas na súa superficie; deste xeito, poden permanecer moito tempo en estado de letargo. As distintas especies presentan unha gran diversidade morfolóxica -como de media lúa ou en estrela- e as máis delas viven en augas oligotróficas de pH baixo como as das brañas. Entre os xéneros máis comúns destacan Closterium, Cosmarium, Micrasterias, Oocardium, Pleurotaenium e Staurastrum.