Destour

Destour

Nome que recibe o Parti Libéral Constitutionnel Tunisien, como consecuencia da súa reivindicación dunha constitución (dustūr) para Tunisia. Constituíuse o 3 de xuño de 1920 e tiña como antecedente o Parti Tunisien (1.3.1920), herdeiro do Mouvement des Jeunes Tunisiens. Liderado polo xeque al-Ta’ālibī, que asumiu a presidencia o 21 de maio de 1921, adoptou un programa moderado de oito puntos fronte a Francia, entre os que se incluía a reivindicación do final do protectorado e da elaboración dunha Constitución. Foi desmantelado en 1925, pero reviviu durante a depresión económica do decenio de 1930. O movemento dividiuse máis tarde en dous grupos: os partidarios dun réxime democrático, que se integraron no Parti Socialiste Destourien, chamado Neodestour e fundado por Bourguiba no 1934, e os continuadores do espírito tradicionalista e panarabista. Foi ilegalizado en 1938.