Deza, comarca de

Deza, comarca de

Comarca natural e administrativa do centro da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as concas do río homónimo e a do Arnego, delimitadas por un conxunto de pequenos sistemas montañosos que a rodean polo L (serras do Farelo e do Faro), S (montes do Testeiro) e O (serra do Candán), e polo río Ulla, colector deses dous ríos, ao N. Abrangue unha superficie de 1.026,06 km2, nos que acolle 49.697 h (1996) distribuídos entre os concellos de Agolada (147,5 km2; 4.915 h), Dozón (74,18 km2; 2.538 h), Lalín (326,62 km2; 20.515 h), Rodeiro (154,8 km2; 4.578 h), Silleda (167,84 km2; 9.572 h) e Vila de Cruces (154,87 km2; 7.624 h). Limita ao N coas comarcas de Arzúa e de Terra de Melide, ao L coa Ulloa e Chantada, ao S co Carballiño e ao O con Tabeirós-Terra de Montes e con Santiago. A cabeceira comarcal é a vila de Lalín, favorecida polo seu emprazamento central no conxunto da comarca e por ser nó das comunicacións internas. Nela localízanse diversos servicios públicos supramunicipais.
Xeografía física
A comarca de Deza sitúase nunha área de transición en múltiples aspectos naturais. No plano topográfico presenta numerosos contrastes, pois as altitudes van desde os pouco máis de 80 m que se rexistran na beira do Ulla en Ponte Cira (Cira, Silleda), ata os 1.187 m do Monte Faro (San Martiño de Asperelo, Rodeiro), e, entre ambos, sucédense varias unidades de relevo. A primeira correspóndese coa liña de serras da Dorsal Occidental Galega que bordea o espazo comarcal pola súa parte meridional e oriental. Desenvólvese en dirección N-S dende a serra do Farelo (no concello de Agolada), que separa Deza da Ulloa e que ten o seu cumio nos 991 m; prolóngase ata o S a través da serra de Cabezas (Rodeiro) que, con 972 m, serve de antesala ao Monte Faro, desde onde a Dorsal experimenta un cambio de dirección cara ao O a través da Pena de Francia (Dozón), de 914 m; continúa polos montes do Testeiro e pola serra do Candán, de altitudes superiores aos 1.000 m; péchase a orla cara ao N cos montes de Chamor (824 m) e San Sebastián (748 m), para descender paulatinamente desde aquí ata o val do Ulla. Estas serras érguense sobre materiais graníticos e gneis fortemente fracturados. A segunda unidade de relevo correspóndese co espazo central da comarca, onde predominan as formas suaves sobre xistos. Unha serie de pequenas elevacións (montes de Maceira, A Rocha e Monte Carrio), que apenas superan os 800 m, constitúen a divisoria das concas dos ríos Deza e o Arnego, ambos os dous afluentes do Ulla, que son os colectores que articulan a rede fluvial da comarca. A terceira unidade sitúase no NO da comarca, nas áreas máis próximas ao curso do Ulla, con altitudes inferiores aos 400 m; nela, os ríos discorren moi encaixados nunha sucesión de fallas e fracturas. No val do Ulla construíuse o encoro de Portodemouros (1967), que asolagou terras de Vila de Cruces e Agolada. A comarca inclúe espacios de gran valor paisaxístico e ambiental, como son os sobreirais do Arnego, declarado área de interese e protección natural. Tamén posúe esa declaración a fervenza do Toxa, na desembocadura do Toxa no Deza. Climaticamente, a comarca de Deza é unha área oceánica de temperaturas moderadas (a media anual sitúase en 12,8 °C). As precipitacións son abundantes (1.300 mm anuais) debido ao predominio dos ventos marítimos do O que penetran a través do val do Ulla. Distínguense dous sectores climáticos: un correspóndese coas zonas de menor altitude dos vales dos ríos, e outro coas zonas situadas por riba dos 600 m. Entre eles hai diferencias térmicas, pois o primeiro é lixeiramente máis cálido e húmido e ten menor risco de xeadas ca as zonas máis elevadas. A comarca encádrase na rexión fitoclimática eurosiberiana, con certos matices de mediterraneidade. A vexetación clímax é o bosque de frondosas, como o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa), o piñeiro (Pynus silvestris), e nas zonas máis altas e frías o bidueiro (Bétula celtibérica). Nos vales fluviais aparecen especies de carácter máis mediterráneo, como as sobreiras ou cortizos (Quercus suber), rebolos (Quercus pirenaica) e loureiros (Laurus nobilis). Nas áreas máis elevadas o bosque deixa paso á matogueira, na que xestas (Eytisis striatus) e toxos (Ilex europaens) son as especies predominantes.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca de Deza no s XX caracterizouse, en termos globais, polo declive: o conxunto comarcal descendeu un 4,9% ao pasar dos 52.255 h en 1900 aos 49.697 h en 1996. Neste período só dous concellos, Agolada e Lalín, experimentaron unha evolución que se pechou cun signo positivo, aínda que non deixaron de ter momentos de retroceso; ademais, malia que o signo positivo é o trazo común en ambos os dous, Lalín, beneficiado polo seu carácter de centro administrativo comarcal, medrou dez veces máis que Agolada (26,3% fronte a 2,5%). Os demais concellos experimentaron unha evolución fortemente negativa: Dozón, o de menor poboación, foi o que menos descendeu porcentualmente (-7,7%), mentres que Rodeiro sufriu o maior retroceso (-35,2%); pola súa banda, Silleda e Vila de Cruces, malia contar con vilas de certa entidade e boas comunicacións por estrada, tamén perderon bastante poboación no s XX (retrocesos do -16,6% e do -23,2%, respectivamente). A pesar das flutuacións experimentadas no transcurso do século, as xerarquías da distribución espacial da poboación mantivéronse ao longo de todo o período. Lalín apareceu en todas as catas censuais como o concello con maior volume demográfico. Dozón, pola contra, sempre foi o menos poboado. En xeral, os concellos do bordo montañoso oriental (Agolada, Rodeiro e Dozón) caracterizáronse pola menor densidade respecto aos occidentais, de condicións naturais máis favorables para o asentamento humano. Pódense distinguir tres fases na evolución demográfica. A primeira, entre 1900 e 1930, definiuse pola estabilidade, cunha tendencia de moderado crecemento (6%). Daquela, o concello que máis medrou foi Agolada, cun 34%, mentres Rodeiro, Dozón e Silleda perderon poboación. O segundo ciclo prolongouse ata os anos sesenta, e caracterizouse polo grande incremento poboacional, motivado pola interrupción dos fluxos emigratorios como consecuencia do contexto bélico nacional e internacional (Guerra Civil de 1936-1939 e Segunda Guerra Mundial entre 1939-1945), ademais de polo mantemento de altas taxas de natalidade e do descenso das defuncións. En 1950, Deza acadou o seu cume poboacional con 61.177 h. A partir da década dos sesenta iniciouse a terceira etapa, caracterizada pola redución paulatina dos habitantes ata acadar o mínimo en 1981, 47.980 h. Os efectos históricos da emigración e a redución do crecemento vexetativo supuxo unha progresiva despoboación, feito que provocou que toda a comarca, agás os concellos de Agolada e Lalín, sumase menos habitantes en 1996 que a comezos do s XX. O avellentamento é notable: case un 20% da poboación total é maior de 65 anos. A natalidade reduciuse progresivamente, de xeito que o retorno dos antigos emigrantes e as súas familias son os únicos datos que permiten falar de certo dinamismo no conxunto comarcal.
Xeografía económica
A base económica da comarca de Deza reside nas actividades agropecuarias, que lles dan emprego ao 38,2% dos ocupados (1996). Malia a elevada porcentaxe de traballadores do agro, cómpre mencionar que en 1981 a cifra se elevaba ata o 65,5%. Esta gran redución debeuse ao proceso de modernización dos sectores non agrarios e o abandono das explotacións menos rendibles. A industria, centrada fundamentalmente en Lalín, proporciona case un 30% dos empregos. Os servicios ocupan o terzo restante dos traballadores, grazas a unha maior presenza da administración pública e ao incremento do nivel de renda, que estimula o consumo e, xa que logo, a actividade comercial. Estas cifras globais deben matizarse a escala municipal: nos concellos orientais o emprego agrario representa máis dun 60%, mentres que Silleda e Vila de Cruces manteñen porcentaxes próximas á metade dos traballadores empregados no sector. Pola contra, en Lalín o sector primario só suma un terzo dos ocupados. O sector agropecuario da comarca baséase, fundamentalmente, na gandería bovina de orientación láctea, cun armentío darredor de 70.000 cabezas de vacún, maioritariamente de raza frisona, aínda que nos concellos orientais hai unha maior presenza de razas, como a rubia galega. Esta actividade xerou un sistema de industrias agroalimentarias (matadoiros, transformadoras de leite, fábricas de pensos) e de servicios agrarios. Outras especies destacadas son o porcino, con máis de 100.000 prazas, e, en menor medida, a avícola e os coellos (Cogal, en Rodeiro, é o maior matadoiro de España). A produción industrial concéntrase en Lalín, onde se localizan gran número de empresas, especialmente da confección e de materiais de construción. O sector da confección, con marcas como Toypes, D’Aquela ou Florentino, é o máis dinámico, grazas ao seu elevado nivel tecnolóxico, de deseño e calidade, que lle abriu a moitas empresas o mercado da exportación, con presenza nas pasarelas internacionais máis prestixiosas. Tamén destacan os sectores de maquinaria, manufacturas de vidro e o agroalimentario. A situación central da comarca e as boas comunicacións cos centros urbanos de Galicia fan que constitúa unha localización óptima para o mercado rexional. As administracións públicas, coa dotación de infraestruturas e solo empresarial, tamén favoreceron o desenvolvemento industrial: Lalín conta con dous polígonos, o de Botos, construído na década de 1970, e o Lalín 2.000; ambos os dous rexistran un nivel de ocupación moi alto. Tamén hai polígonos industriais en Silleda (Área 33) e Agolada. Os servicios estruturan funcionalmente a comarca, tomando como referencia unha sucesión de áreas de influencia. Lalín é o núcleo de maior centralidade, onde se localizan os servicios públicos de ámbito comarcal e numerosos comercios polo miúdo. Os principais eixes de comunicación son as estradas nacionais N-525 e N-640, e a comarcal C-533 reconvertida en corredor rápido. A liña de ferrocarril Santiago de Compostela-Ourense-Monforte de Lemos reforza a súa accesibilidade.
Configuración comarcal
As primeiras referencias a Deza como comarca histórica apareceron no ano 559. No Concilio de Lugo cítase como célula de organización eclesiástica dependente da diocese de Lugo e como circunscrición de poder señorial. A comarca recibiu o nome dos señores de Deza, e logo pasou a denominarse así o río. Desde o punto de vista natural, a comarca articúlase ao redor dos vales do Deza e do Arnego que forman, respectivamente, as Terras de Deza e Trasdeza e Terras de Camba. É, ademais, unha comarca funcional representada pola área de mercado dependente da vila de Lalín. A situación central do núcleo, xunto á situación radial da rede interna de comunicacións, e a localización nesta cabeceira de diversos servicios públicos de ámbito supramunicipal, feito común desde a división en partidos xudiciais no 1833, contribúen á formación dunha clara identidade comarcal.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados nesta comarca son as mámoas ou túmulos, pertencentes á cultura megalítica; datadas no II milenio a C, destacan pola súa abundancia nos municipios de Deza. Vinculado tamén ao megalitismo, descubriuse na década de 1920 o tesouro de Agolada, datado na Idade do Bronce I (1800 a C-1500 a C). Durante a época castrexa, a comarca contou cunha importante poboación repartida en máis de 80 castros, entre os que destacan os de Lobrigo, Montaz, San Mamede ou Orelas. Os castros convertéronse nun elemento fundamental da organización espacial do territorio, que a posterior romanización, efectuada dende o s I a C, non modificou substancialmente. Apareceu, sen embargo, un novo modelo de poboamento unifamiliar situado nas aforas dos núcleos urbanos dedicado á explotación do medio, as villae, ocupadas polos romanos. O exemplo máis destacado de villa de carácter agrícola é a de Porta de Arcos, en Fafiáns (Rodeiro), datada entre finais do s III e comezos do s IV. O poboamento romano explotou tamén outros recursos do territorio, como os metais preciosos que se extraeron das explotacións mineiras de Losón, Xobra, Vilatuxe ou Cercio. Durante o concilio celebrado en Lugo baixo a dominación sueva no 569 creouse o condado Decense, que se corresponde aproximadamente coa actual comarca de Deza. No reinado de Afonso I iniciouse o proceso de repoboación da comarca, dirixido polo bispo lucense Odoario, en Bermés, San Xoán de Palmou, Botos e Santa María de Trasdeza. Durante os ss IX e X produciuse un avance demográfico e apareceron pequenas vilas dedicadas á explotación agrícola, como Villarello, Vilar ou Vilatura. Co descubrimento da tumba do apóstolo Santiago, esta comarca definiuse como unha das rutas da peregrinación. A liñaxe dos Bittote, que posuían grandes territorios no S de Galicia, gobernaron nestas terras durante o s X co nome de condes de Deza e fundaron os mosteiros de Carboeiro e Camanzo. Dentro do proceso de repoboamento sitúase tamén a fundación de San Martín en Lalín, impulsada polo bispo de Mondoñedo Árias Peláez e xerme da actual vila. Os condes de Deza xogaron un papel destacado na política galega durante o s XII, e Pedro Suárez de Deza foi o administrador principal e responsable da orde na Terra de Santiago (1173-1207). Os Suárez de Deza ou Churruchaos, froito do enlace entre a condesa de Camba Churruchao e Alonso de Deza, dominaron a comarca no s XIII e durante a etapa de esplendor reforzaron o poderío señorial mediante a construción de torres e fortalezas (Lalín, Cira, Chapa e Valouta). O enfrontamento entre Alonso Suárez de Deza e o arcebispo de Santiago, Berenguel de Landoira, marcou a decadencia da nobreza local, e baixo o reinado de Enrique de Trastámara, os Suárez de Deza perderon o condado que pasou a depender dos condes de Lemos. Os posteriores enfrontamentos militares entre familias nobres para facerse co poder, levaron ao asentamento dos Ulloa na comarca de Deza a comezos do século XV. A Revolución Irmandiña destruíu a maior parte das fortalezas e, co afianzamento do novo poder dos Reis Católicos, a nobreza señorial-militar da comarca debilitouse. Durante a Idade Moderna, entre os ss XVI e XVII, acentuouse o crecemento demográfico na Terra de Deza e a propiedade da terra estaba repartida entre a nobreza e a fidalguía, que dominaban o 80% dos terreos, e o clero, que posuía o 15%. O poder pasou a definirse non só pola propiedade da terra, senón tamén polos beneficios derivados dela, feito que permitiu a consolidación dunha fidalguía local administradora das rendas derivadas da introdución de novos produtos, como o millo (1633). Segundo estimacións, este territorio contaba cunha poboación duns 30.000 habitantes, pero o descenso na produción agrícola no segundo terzo do s XVIII, acompañouse dunha caída demográfica. Na época da invasión francesa, os campesiños da comarca de Deza organizáronse en grupos baixo a dirección dos fidalgos e do clero, e foron derrotados polos invasores na Ponte Ledesma, o 19 de marzo de 1809. Producíronse novos enfrontamentos cos franceses ata o final do conflito en Cira e Bandeira, entre outros lugares. A división territorial e administrativa dos municipios produciuse en 1833 e afectou á comarca, co que se estableceu unha realidade que sufriu poucas modificacións. As Guerras Carlistas tamén se deixaron sentir na comarca con enfrontamentos entre liberais e partidarios do Antigo Réxime; en 1839 produciuse a captura e fusilamento dos xefes carlistas, que se ocultaban na capela de San Marcial de Moalde, polo capitán Sanxoán. A vitoria dos liberais non levou, sen embargo, á supresión dos privilexios de fidalguía e clero que se mantiveron nos postos administrativos claves. O século XIX foi unha época de recuperación económica na que se ensaiaron iniciativas empresariais, como as fábricas de curtidos ou de papel. O s XX veu marcado pola supresión dos foros (1926) decretada polo goberno do xeneral Primo de Rivera, feito que permitiu o acceso do campesiñado á propiedade da terra, e iniciouse a explotación das minas de estaño e de volframio de Fontao (Vila de Cruces) e A Trigueira de Zobra (Lalín). As minas continuaron en funcionamento ata 1974. Coa chegada da Segunda República emprendeuse a loita contra o caciquismo, que rematou co inicio da Guerra Civil e a imposición dos militares á fronte das vilas da comarca. O alcalde Ferreiro foi unha das numerosas víctimas entre os demócratas. A posguerra estivo marcada polos axustes de contas, o estraperlo, a explotación do volframio e a figura do Foucellas.
Patrimonio cultural
Entre as principais manifestacións megalíticas destacan a cámara poligonal do conxunto de Parada de Alperiz (Lalín), a necrópole do Marco de Camballón, en Oirós (Vila de Cruces), e a mámoa da Braña, en Refoxos (Silleda). En Terceiras (Lalín), localizouse unha cazola campaniforme adornada con incisións e un vaso decorado cun dobre zigzag, ambos do Calcolítico. Da Idade do Bronce cómpre salientar: o tesouro de Agolada, composto de armas e xoias, e cunha antigüidade que se remonta ao 1500 ou ao 1800 a C; as antas de Coitemil, en Ferreiroa (Agolada), e de Rodeiro, e os gravados rupestres de Alperiz, Breixo e Siador. No eido da cultura castrexa destacan os castros de Moalde e Chapa (Silleda), o de Dozón e, entre as mostras escultóricas, o ídolo de San Mamede de Castro (Silleda). O período da romanización apenas deixou pegada nestas terras. Destacan as vilas de Porto de Arcos (Rodeiro), diversas pontes e estelas funerarias, entre as que destacan as de Agolada e Bermés (Lalín), onde tamén se conservan restos dunha calzada. Os sarcófagos antropomorfos de Bermés, Camposancos, Losón e Trasulfe, poden ser da época sueva. Do mesmo xeito, a igrexa de Palio (Lalín) pode ser de orixe hispanovisigoda. Elementos propios da arte do s X maniféstanse nos mosteiros de Ansemil, Bermés, Camanzo, Carboeiro, Lalín de Arriba e Ramil. Ao longo do s XI fundáronse diversos mosteiros, ao tempo que se reformaron outros. Entre eles destacan San Lourenzo de Carboeiro, Ben de Interese Cultural dende 1931, e San Pedro de Ansemil, en Silleda, San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, San Martiño de Lalín, San Pedro de Vilanova, en Dozón, e Santo André de Orrea, en Agolada. Entre outras igrexas de orixe románica cómpre mencionar San Martiño de Asperelo, Santa María de Ventosa e San Pedro de Ferreiroa, en Agolada; San Xoán de Anzo, San Martiño de Cello e San Miguel de Goiás, en Lalín; Santiago de Breixa, San Martiño de Dornelas e Santiago de Taboada, en Silleda; San Xulián de Pedroso, en Rodeiro, e Santa María de Merza, en Vila de Cruces. As trazas góticas advírtense, entre outras, nas igrexas de San Xoán de Palmou (Lalín), Santa María de Dozón, San Martiño de Asperelo (Rodeiro) e San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), mentres que a capela dos Deza, en San Pedro de Ansemil, é plenamente gótica. A igrexa de Cervaña (Silleda), construída en 1594 como enterramento dos Fernández de Deza, é renacentista. Da mesma época cómpre destacar as pinturas murais da igrexa de San Xoán de Sisto (Dozón) que representan o ciclo da paixón. A maioría das construcións románicas modificáronse durante o Barroco. Entre as construcións propiamente barrocas destacan a igrexa de Santa Baia de Donsión (Lalín), Santa María de Vilariño (Agolada), San Fiz de Besexos, San Pedro de Cumeiro, Santa María de Sabrexo e San Xoán de Toiriz (Vila de Cruces) e San Cibrao de Chapa e San Miguel de Lamela (Silleda), e San Estevo de Carboentes en Rodeiro. O santuario da Nosa Señora dos Desamparados de Abades (Silleda) marca a transición do Barroco ao Neoclasicismo. Entre as construcións que amosan trazas neoclásicas destacan o santuario do Corpiño, en Losón, San Román de Santiso e Santa María de Soutolongo, en Lalín, Santa Comba, en Agolada, e San Miguel de Moalde e San Tomé de Parada, en Silleda. Durante a Idade Media construíronse castelos e fortalezas, aínda que moitas delas se destruíron durante as revolucións irmandiñas. Cómpre destacar a torre de Cira e a fortaleza de Chapa, declaradas Ben de Interese Cultural en 1995 e 1994 respectivamente, en Silleda; as torres defensivas de Camba e de Santa María en Guillar, declarada Ben de Interese Cultural en 1995, en Rodeiro; e Traspenas, en Artoño (Agolada). No eido da arquitectura civil hai que salientar o gran número de pazos conservados; entre outros, o pazo de Liñares, o de Des (Soutolongo) e o de Filgueiroa (Donramiro), en Lalín; o de Camba e o de Trasulfe (Fafián), en Rodeiro; o de Borraxeiros e o de Eidián, en Agolada; a casa de Altamira e o pazo de Porras de Raíndo en Vila de Cruces, e os de Fais (Breixa), Cascaxide (Escuadero), da Viña (Mándoas), e o de Paizás, en Silleda. Entre os monumentos públicos construídos no s XX sobresaen o dedicado ao emigrante en Silleda, obra de F. García Blanco, e os erixidos na lembranza de Ramón María Aller e Xaquín Loriga, realizados os dous por Francisco Asorey, en Lalín, e a P. J. Rodríguez González, en Bermés (Lalín). No eido da arquitectura popular destacan os cruceiros de Moalde (Silleda) e os de Goiás, Donsión e Botos (Lalín). Entre os petos de ánimas pódense mencionar os de Veiga (Lalín) e Riobó (Rodeiro). Entre as festas que teñen lugar na comarca figuran as de san Cristovo, en Borraxeiros, e as festas do Faro, en Ventosa (Agolada); as de san Xoán e san Pedro, san Salvador e a romaría da Virxe de Pena de Francia, en Dozón; as das Dores, de Nosa Señora de Montserrat (Donramiro), a romaría do Corpiño, en Losón, e santa Lucía, en Lalín; as de san Vicente, en Rodeiro; as de santa Isabel (Escuadro), san Sebastián (Moalde), a Saleta (Siador) e santa Baua, en Silleda; e as de san Román (Gres) e Portodemouros, en Vila de Cruces. Ademais, nalgunhas parroquias de Silleda e Vila de Cruces, hai que mencionar as figuras dos xenerais no Entroido. Entre as festas gastronómicas destacan a feira do cocido en Lalín, as festas da empanada na Bandeira (Silleda), da tortilla en Laro (Silleda) e as da castaña e do chourizo en Vila de Cruces. Sobresae tamén a celebración da Semana Verde de Galicia e outros certames organizados pola Feira Internacional de Galicia en Silleda.