diabete

diabete

(< lat diabētes < gr διαβ)

  1. s f [PAT]

    Termo xenérico para designar un grupo de afeccións caracterizadas por un exceso de diurese e de sede intensa. Habitualmente e, por extensión, o termo refírese á diabete mellitus. A diagnose da diabete realízase mediante a proba da concentración de glicosa en plasma en xaxún. O resultado é positivo cando a glicemia en xaxún é igual ou superior a 126 mg/dl, como mínimo en dúas determinacións, ou ben cando a curva de glicemia dá valores iguais ou superiores a 200 mg/dl ao cabo de dúas horas e en calquera outro punto. Tamén se pode determinar mediante a proba de tolerancia da glicosa en plasma. Os síntomas xerais adoitan ser a secreción excesiva de urina (poliuria), a sede intensa (polidipsia), o adelgazamento e un apetito excesivo (polifaxia). No transcurso da diabete poden aparecer diversas complicacións: unha microanxiopatía, ou lesión dos vasos sanguíneos pequenos, que se manifesta sobre todo na retina (retinopatía diabética), nos riles (nefropatía diabética) e nos nervios (neuropatía diabética); unha macroanxiopatía, ou lesión dos vasos grandes, que implica unha aceleración da arteriosclerose e das súas complicacións, e outros posibles trastornos. O seu tratamento baséase no seguimento dunha dieta axeitada, na práctica de exercicio físico, no mantemento do peso ideal e na administración, cando sexa necesario, de insulina ou de hipoglicemiantes orais. Os avances no tratamento permiten dispoñer, nalgúns casos, de páncreas artificiais, que son uns pequenos aparatos que o enfermo leva implantado e que verte ao sangue a cantidade de insulina necesaria en cada momento. Tamén se introduciu o transplante de páncreas ou de células β, así como os tratamentos con inmunodepresores, como a ciclosporina A, en certos casos de diabete de orixe autoinmune.

  2. diabete insípida [PAT]

    Enfermidade caracterizada por unha alteración na regulación hidrosalina do organismo. O síntoma principal é o exceso de eliminación urinaria (poliuria intensa), polo déficit na capacidade de concentración dos ouriños. A forma máis xenuína ten como causa un déficit na secreción da hormona antidiurética por parte da hipófise.

  3. diabete latente [PAT]

    Diabete propia de persoas obesas con diabete química, nas que a curva de glicemia se normaliza cando recuperan o peso ideal.

  4. diabete mellitus/diabete sacarina [PAT]

    Síndrome caracterizada por un trastorno do metabolismo dos hidratos de carbono, no que a glicosa non pode entrar nas células para ser utilizada, de xeito que se produce un aumento da concentración de glicosa en sangue (hiperglicemia) e a aparición de glicosa nos ouriños (glicosuria), como resultado dunha produción inadecuada ou dunha mala utilización da insulina. Hai dous tipos: a tipo I, xuvenil ou insulinodependente (DMID), e a tipo II, do adulto ou non insulinodependente (DMNID). Na diabete tipo I prodúcese unha destrución das células β do páncreas que implica unha carencia total da hormona. É de causa descoñecida e adoita aparecer antes dos 25 anos en individuos xeneticamente susceptibles, nos que determinados factores desencadean un proceso autoinmune que reduce o volume destas células. A administración esóxena de insulina resolve os trastornos bioquímicos. Na diabete tipo II, aínda que hai secreción de insulina por parte do páncreas, esta resulta insuficiente por mor dunha redución da sensibilidade tisular á hormona. Comeza na idade adulta e adoita estar asociada á obesidade.

  5. diabete potencial [PAT]

    Diabete propia de persoas con pai, nai ou cun irmán bivitelino diabéticos.

  6. diabete química [PAT]

    Diabete que se dá asintomaticamente en persoas que presentan unha curva de glicemia patolóxica. Coñécese tamén co nome de intolerancia á glicosa.

  7. diabete renal [PAT]

    Enfermidade metabólica rara na que o organismo excreta cantidades anormalmente elevadas de glicosa na urina, mentres que o nivel desta substancia en sangue é normal. Prodúcese cando a glicosa filtrada no glomérulo non pode ser reabsorvida no tubo renal como consecuencia dun trastorno enzimático no tecido renal. Tamén se denomina glicosuria renal.

  8. diabete secundaria [PAT]

    Diabete ocasionada por outras enfermidades como a hemocromatose, a acromegalia, a enfermidade ou síndrome de Cushing, o feocromocitoma, o hipertiroidismo e certas pancreopatías.

  9. diabete xestacional [PAT]

    Diabete que aparece durante a xestación nalgunhas mulleres que anteriormente non foron diagnosticadas como diabéticas, provocada polo efecto bloqueador dalgunhas hormonas producidas pola placenta sobre a insulina. Na maioría dos casos desaparece despois do parto, pero pode reaparecer en embarazos posteriores.