dialectoloxía
(
Disciplina lingüística, tamén denominada xeografía lingüística ou xeografía dialectal, que trata o estudo sistemático de todas as formas de dialectos, especialmente os xeográficos ou rexionais. Tamén se entende por dialectoloxía a descrición de falas illadas, sen referencia a outras veciñas ou da mesma familia. Os estudios dialectolóxicos teñen como antecedente a contestación que no s XVIII se produce á visión da lingua como unha entidade inmutable e de carácter basicamente escrito, aínda que non comezarían propiamente a súa andaina ata finais do s XIX. A dialectoloxía tradicional tivo a súa orixe nas investigacións dos neogramáticos para establecer as leis fonéticas, adquiriu unha certa sistematicidade en Alemaña con George Wenker e estableceuse definitivamente cos traballos de J. Gilliéron e a aparición dos atlas lingüísticos. Tomando como base cuestionarios escritos e posteriormente gravacións magnetofónicas, as investigacións dialectolóxicas tentaron ver as diferencias de forma, sentido ou pronunciación existentes en determinadas palabras e, cando era posible, establecer fronteiras entre diferentes solucións a un fenómeno lingüístico; isto permitiu trazar liñas imaxinarias, isoglosas, que dividían as áreas en que aquelas aparecían. Así mesmo, a aparición de trazos distintivos abondosos dentro dunha área particular permitiu postular a existencia dun determinado dialecto. Este tipo de investigacións deu lugar, como principal resultado, a atlas dialectais, onde se trazan mapas que reflicten a distribución tipicamente espacial deses datos. Posteriormente, estes métodos tradicionais deron paso a unha dialectoloxía estrutural, que tentou mostrar os modelos de relación ou diasistemas que unen series de formas -tamén chamadas falas ou falares- pertencentes a diferentes dialectos. Na década de 1970 desenvolveuse a dialectometría, método estatístico de análise dialectal que mide a “distancia” lingüística existente entre zonas dunha rexión dialectal a través do cómputo de contrastes existentes nunha ampla mostra de trazos lingüísticos. En ocasións, considerouse tamén dialectoloxía o estudo conxunto da xeografía lingüística e os fenómenos de diferenciación dialectal ou dialectalización polos que unha lingua, relativamente homoxénea nun momento dado, sofre ao longo do tempo variacións que a levan á constitución de dialectos e mesmo de linguas distintas. Neste proceso, a dialectoloxía explicaría a propagación das innovacións a través de factores como obstáculos xeográficos, fronteiras políticas, diferencias socioeconómicas, prestixio, rivalidades socioculturais ou a influencia de diferentes estratos tipicamente lingüísticos. As variantes máis tradicionais da dialectoloxía teñen un perfil xeográfico e toman como unidade de análise as zonas rurais. Non obstante , estudios posteriores realizados en cidades, como Nova York, ampliaron o obxecto de estudo ao tomar en consideración o medio urbano, xunto con outros elementos de variación. Non foi alleo a este cambio de perspectiva o desenvolvemento na última parte do s XX da sociolingüística, que reforzou o interese dos dialectólogos pola heteroxeneidade diastrática, diafásica e social. Neste contexto apareceu o termo sociolecto, equivalente ao dialecto na dimensión social. Igualmente, xurdiu a dialectoloxía social como aplicación de métodos dialectolóxicos ao estudo da estrutura social, destacando así a pertenza ao grupo como un preditor da competencia dialectal. A lingüística galega asistiu a un especial florecemento da dialectoloxía a partir da década dos 60 coa creación do Instituto da Lingua Galega (ILG) na Universidade de Santiago de Compostela. A aproximación á disciplina foi case exclusivamente a da dialectoloxía clásica, aínda que os resultados obtidos son particularmente destacables, tanto en si mesmos coma comparados cos obtidos en comunidades lingüísticas cun maior potencial investigador. Durante os anos 60, 70 e comezos dos 80 a dialectoloxía converteuse na principal liña de investigación da lingüística galega, dada a necesidade de dispoñer do suficiente material empírico co que afrontar con garantías a planificación do corpus da lingua galega. A primeira división da lingua galega en dialectos fora realizada por Saco Arce en 1868, e recibiu novas achegas de García de Diego en 1906 e, xa con máis material dispoñible para establecer as clasificacións, Zamora Vicente en 1953 e Carballo Calero en 1969. Este último diferenciaba, a partir de nove trazos lingüísticos, catro dialectos: sudoccidental, noroccidental, central e oriental. Non obstante , foi a elaboración do Atlas Lingüístico Galego a que serviu para delimitar con detalle, na década dos 80, os bloques e áreas lingüísticas do galego actual a partir de material empírico. Segundo Francisco Fernández Rei, a grande unidade do galego vivo non permite falar de fragmentación dialectal ao non sentiren os falantes como profundas e definitorias as diferencias lingüísticas. Non obstante este feito non impediu que os estudiosos establecesen as correspondentes áreas e bloques lingüísticos. Nestas tipoloxías utilizáronse, sobre todo, trazos fonéticos (seseo, gheada, timbres vocálicos) e morfolóxicos (terminacións nominais, paradigmas verbais), e ocasionalmente características léxicas e sintácticas. Seguindo a F. Fernández Rei, poden establecerse no galego tres grandes bloques dialectais: occidental, central e oriental. No primeiro distínguense as áreas bergantiñá, fisterrá e pontevedresa; no segundo, a mindoniense, a lucu-auriense, a central e a oriental de transición; e, finalmente, no bloque oriental, a zona asturiana, a ancaresa, a zamorana e a oriental central.