diarrea

diarrea

(< lat tardío diarrhoea

  1. s f [PAT]

    Evacuación repetida nun mesmo día de feces en estado líquido ou semilíquido. Non é unha enfermidade, senón un síntoma que traduce a aceleración do tránsito do contido intestinal ao longo do intestino delgado e groso, ou só deste último. Pode ser aguda ou crónica. Segundo unha clasificación das causas da diarrea, estas poden ser esóxenas (transgresións alimentarias, intoxicacións por alimentos en mal estado, algunhas infeccións intestinais e a inxestión de determinados compostos químicos ou de antibióticos); orgánicas, nas que a lesión (inflamación, dexeneración, tumor) radica na mesma parede do intestino e endóxenas, se o feito que a determina provén de enfermidades ou de trastornos doutros órganos do corpo humano. Desde un punto de vista clínico, adoita clasificarse en: diarrea fermentativa, caracterizada pola presenza nas feces de cantidades excesivas de alimentos hidrocarbonados mal dixeridos e, diarrea de putrefacción, que se presenta por unha excesiva putrefacción dos alimentos proteicos, causada por un aumento da inxestión dos devanditos alimentos ou por unha insuficiencia na dixestión gástrica ou pancreática.

  2. diarrea branca [PAT]

    Enfermidade bacteriana que lles afecta aos tenreiros de menos de tres semanas e que se caracteriza pola evacuación de feces brancas.

  3. diarrea coleriforme [PAT]

    Diarrea aguda na que se producen defecacións serosas acompañadas de vómitos e colapsos. É propia do cólera e doutros estados morbosos que producen unha diarrea semellante á do cólera.

  4. diarrea mental [PAT]

    Ausencia de coordinación e sensatez nos xuízos e ideas expresados.

    Ex: O teu amigo ten unha diarrea mental incrible.

Palabras veciñas

Diario,El | diarista | diarquía | diarrea | diarreico -ca | diartrose | Días