Dietrichstein
Liñaxe feudal de Carintia. Iniciouna Reinpertus de Dietrichstein (1000). Os seus membros foron baróns (1514), despois condes (1612), e, máis tarde (1631), os primoxénitos da liñaxe foron príncipes do Sacro Imperio. En 1575 adquiriron o señorío de Nikolsburg (Moravia). Cómpre destacar, entre eles, o barón Siegmund von Dietrichstein (? 1484-? 1533), favorito do Emperador Maximiliano I; o barón Adam von Dietrichstein zu Nikolsburg (Graz 1527 - Nikolsburg 1590), conselleiro de Fernando I e de Maximiliano II, do que tamén foi mordomo maior e embaixador en España; e o seu fillo Franz von Dietrichstein (Madrid 1570 - Brün 1636), nomeado príncipe do Sacro Imperio (1631), comisario xeral do Imperio (1621), lugartenente de Moravia, bispo de Olmuth (1599) e cardeal (1626).