difracción

difracción

(< lat diffractus ‘roto’, p pde diffringĕre ‘romper’)

  1. s f [FÍS]

    Fenómeno de interferencia múltiple, producido polo carácter ondulatorio da luz. Descuberto por Grimaldi en 1665, xa era coñecido por Newton e Huygens, que non lle souberon dar a interpretación correcta. Consiste, esencialmente, en pequenas desviacións da propagación rectilínea da luz ao encontrarse con obstáculos e orificios, feito que produce alternativamente unha serie de sombras e de zonas de luz, que dependen das características xeométricas do orificio ou obstáculo e da lonxitude da onda da luz. A explicación deste fenómeno baséase no principio de Huygens-Fresnel. A difracción limita o poder de resolución dos instrumentos ópticos. Os fenómenos de difracción non só se producen na luz, senón en calquera clase de ondas.

  2. difracción de electróns [FÍS]

    Proceso no que os electróns se difractan pola acción de átomos ou moléculas. Observouno por primeira vez G. P. Thomson en 1927, ao facer pasar un feixe de electróns no baleiro a través dunha fina lámina de ouro sobre unha placa fotográfica. Emprégase para medir lonxitudes e ángulos de enlace de moléculas en gases.

  3. difracción de neutróns [FÍS]

    Proceso polo que os neutróns se difractan pola acción de átomos de sólidos, líquidos ou gases. Deu lugar a unha técnica, análoga á difracción de raios X, que emprega un fluxo de neutróns térmicos dun reactor nuclear para estudar fenómenos de estado sólido.

  4. difracción de raios X [FÍS]

    Fenómeno de dispersión dos raios X pola materia que vai acompañada de variación na súa intensidade, segundo a dirección, a causa dos efectos de interferencia. A difracción dos raios X é un método rápido na determinación da estrutura atómica da materia. Os métodos de difracción de raios X están baseados no feito de que as súas lonxitudes de onda están arredor de 1 Å, similar aos das dimensións atómicas. Algunhas das súas aplicacións son o diferenciamento entre substancias amorfas e cristalinas, a determinación da estrutura de materias cristalinas e a medida de imperfeccións de cristais.