Digenís Akritas

Digenís Akritas
[LIT]

Epopea bizantina que describe as xestas do heroe Basilio Digenís, chamado Digenís Akritas, e as loitas dos defensores das fronteiras ( ἄ κραι) do Imperio Bizantino contra os invasores árabes, persas, sarracenos e turcos. Parece que Digenís Akritas foi un personaxe histórico que morreu nunha batalla durante o s VIII. Conta a tradición que o seu pai, un Emir sarraceno convertido ao cristianismo, casou cunha princesa da Capadocia, filla dun xeneral bizantino; por esta razón, o heroe, froito de dúas razas e relixións, foi educado conforme aos ideais heroicos do seu tempo (cazador, guerreiro e atleta) e converteuse nun afoutado guerreiro e en prototipo de heroe grego medieval. Composto, aproximadamente, a mediados do s X, este relato épico estivo moi influenciado pola poesía grega máis antiga, con influencias orientais, e ten a súa orixe nos cantos populares akríticos estendidos por diversas rexións gregas. A versión oral do poema foi cantada durante séculos por músicos do Ponto, mentres que a primeira versión escrita, mestura de linguaxe popular e literaria, foi descuberta no s XIX en Trabzon. Con posterioridade foron aparecendo outras versións manuscritas, compostas entre os séculos XII e XVII, unha delas en prosa, escrita por Meletios Vlastos de Chios en 1632. Este ciclo de poemas acadou gran difusión no ámbito bizantino e mesmo nos países eslavos.

Palabras veciñas

digambara* | digamma | digástrico -ca | Digenís Akritas | Digitalis | Digitaria | diglosia