dinamita

dinamita

(< fr dynamite < grδύναμις ‘forza’)

s f [QUÍM/IND]

Denominación xenérica dos explosivos a base de nitroglicerina, obtidos por absorción desta, en substancias capaces de retela ou de formar unha substancia xelatinosa, co que evitan desta maneira posibles explosións debidas ao transporte ou choques. A dinamita foi ideada por Alfred Nobel en 1867, que descubriu que as diatomitas absorbían a nitroglicerina e a facían moito máis segura. A primeira dinamita compoñíase de nitroglicerina e mais diatomita, mentres que as dinamitas modernas adoitan empregar outras substancias como absorbentes. Clasifícanse en tres grupos, segundo a base empregada como absorbente: as dinamitas de base interna, nas que o absorbente (diatomita, carbonato de magnesio) é unha substancia que non intervén na reacción explosiva. Cando o absorbente é unha substancia redutora, como as serraduras, as fariñas vexetais ou o carbón, equilibrada coa adición dun oxidante (nitrato ou clorato de potasio ou de sodio), denomínanse dinamitas de base activa. O terceiro grupo é o formado polas dinamitas de base explosiva, coñecidas tamén por xelatinas; neste caso o absorbente é a nitrocelulosa ou algodón pólvora cunha pequena cantidade de alcanfor, que actúa de plastificante. Este derradeiro grupo só ten aplicación militar. Actualmente, todas as dinamitas que se fabrican conteñen unha parte de nitrogricol (dinitrato de etilenglicol) que se mestura coa nitroglicerina para evitar explosións incontroladas. A dinamita emprégase fundamentalmente nos traballos de minas polo seu alto poder destrutor.