dínamo
(
Máquina eléctrica rotativa que xera corrente continua. Na forma construtiva máis frecuente consta dunha carcasa cilíndrica de fundición, de ferro ou de aceiro, que ten fixados no interior uns electroimáns chamados polos (sempre en número par), cada un coa súa bobina alimentada con corrente continua, que crean campos magnéticos de excitación. Este conxunto de polos magnéticos denomínase indutor. No interior da carcasa, concéntrico coa coroa de polos, hai un cilindro xiratorio, chamado inducido, montado sobre o eixe da máquina, cunhas fendas na periferia onde van montadas as bobinas de enrodelamento; este é o inducido de tambor. Na primitiva máquina de Gramme, actualmente en desuso, o inducido era de anel. Os extremos das bobinas do inducido conectan con dúas pastillas de cobre, que forman unha coroa chamada colector, onde fan contacto por fricción unhas vasoiriñas de carbón. Para a excitación do indutor empréganse dous procedementos: a excitación independente, na que a corrente chega dunha parte exterior, e a autoexcitación, na que a mesma dínamo abastece a corrente de excitación. Segundo a forma de conexión do indutor, fálase de dínamo serie, dínamo paralela ou dínamo “compound”. Ó xirar o inducido, nos condutores das fendas xéranse unhas forzas electromotrices (fem) que se recollen nas vasoiriñas. De feito, a corrente e a tensión (fem) inducidas son alternas, pero o colector rectifícaas e, deste xeito, a dínamo produce tensión e corrente continuas.