dinófito -ta

dinófito -ta

(< gr δῐνος ‘rotación’ + -fito)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ás dinófitas.

  2. s f [PROTISTA]

    Alga da división das dinófitas.

  3. s f pl [PROTISTA]

    División de algas presentes en augas mariñas e continentais, a maioría unicelulares e biflaxeladas que presentan unha cuberta constituída por placas poligonais de celulosa recubertas pola membrana plasmática. Esta parede celular ou teca, ten dous sucos -un transversal ou cíngulo, e outro lonxitudinal- no cruce dos que emerxen os dous flaxelos. Nalgunhas especies, a parede celular presenta poros polos que, en caso de perigo, emerxen uns orgánulos filamentosos que proxectan a célula en dirección contraria. Os cloroplastos presentan clorofilas a e nalgúns casos c2. O principal material de reserva é o amidón que se acumula fóra do cloroplasto. Os plastos están rodeados de tres membranas e os tilacoides dispóñense en grupos de tres. Algunhas especies de auga doce teñen estigmas fotosensibles. A reprodución asexual é por bipartición lonxitudinal, na que cada célula filla herda a metade da teca da nai reconstruíndo a outra metade. A reprodución sexual prodúcese, principalmente, por isogamia. O ciclo vital é haplóntico con meiose cigótica, aínda que algunhas especies teñen ciclo diplóntico. En condicións ambientais adversas, algúns individuos dalgunhas especies, dan lugar a esporas de resistencia con paredes grosas denominadas quistes. Existen grandes depósitos fósiles destes quistes, coñecidos como histricósporas, que se explotan industrialmente. Outras especies, como Noctiluca, son bioluminiscentes, e ao estar en grandes concentracións como nos mares cálidos e no verán, producen fluorescencias nocturnas. As dinófitas son unha parte importante do plancto dos mares tropicais e as responsables de mareas vermellas en situación de augas calmas e quentes, con grande achega de nutrientes concentracións de máis de 100 millóns de individuos por litro, o que dá cor vermella ás augas -condicións que se dan certos anos nas rías galegas-. Algunhas dinófitas excretan toxinas que provocan a morte de peixes e bivalvos de interese humano, especialmente os cultivados de xeito intensivo, como é o caso das bateas. Aínda que os animais non morran, as toxinas concentradas nestes animais filtradores poden afectar os consumidores humanos. As toxinas máis importantes son as de tipo paralizante (PSP) e as de tipo diarreico (DSP). Un grupo de dinófitas, as zooxantelas, viven en simbiose con esponxas, medusas e celentéreos, polo que son importantes como elementos de corais e arrecifes. Coñécense uns 150 xéneros e unhas 4.000 especies.

Palabras veciñas

Dinobryon | dinodo | Dinofelis | dinófito -ta | dinoflaxelado -da | Dinohyus | dinorfina