dioxina

dioxina
Nome científico: [policlorodibenzodioxina]
s f [QUÍM]

Nome comercial aférese de dibenzodioxina que se aplica a compostos químicos clorados, constituídos por carbono, hidróxeno, osíxeno e cloro. Son compostos incoloros, inodoros, moi estables na natureza, particularmente aqueles de catro ou máis átomos de cloro, que permanecen no aire, na auga e no solo durante moitos anos, e resisten os procesos de degradación física, química ou biolóxica. Son pouco solubles en auga, decrece a súa solubilidade ao aumentar o número de átomos de Cl na molécula, e son solubles en graxas e aceites. As dioxinas orixínanse en procesos de combustión naturais tales como erupcións volcánicas ou incendios forestais, aínda que é nos procesos industriais -como a incineración, combustión dos motores, branqueo de papel a base de Cl ou a fabricación de herbicidas, desinfectantes ou plásticos-, onde se produce a maior cantidade. As dioxinas son moi tóxicas e considéranse os produtos químicos máis perigosos sintetizados polo home. Poden producir alteracións nos sistemas inmunitario, reprodutor e endocrino, desordes do comportamento e da aprendizaxe, serias enfermidades cutáneas, malformacións no feto e, a longo prazo, cancro. A dioxina máis estudada e a máis tóxica, é a 2,3,7,8-tetraclorodibenzeno-p-dioxina (2,3,7,8-TCDD), molécula composta por dous bencenos unidos por dous átomos de osíxeno. Ten unha alta afinidade polas substancias graxas, onde se pode adherir ou disolver, e acumúlase de maneira perigosa nas graxas subcutáneas. Esta dioxina fórmase en pequenas cantidades durante a preparación do triclorofenol e o ácido triclorofenoxiacético, herbicida que se ten empregado como material base para a fabricación do axente defoliante, o chamado axente laranxa, usado durante a Guerra do Vietnam.

Palabras veciñas

Dióxenes Laercio | dioxi- | dióxido | dioxina | dioxixenilo | dioxonítrico III | dip*