dipluro -ra
(< diplo- + 1 -uro)
-
adx
Relativo ou pertencente aos dipluros.
-
s
m
[ANIMAL/ENTOM]
Insecto da orde dos dipluros.
-
s
m pl
[ANIMAL/ENTOM]
Orde de insectos ápteros de corpo alongado; as máis das especies non sobrepasan os 5 mm, aínda que algunhas especies tropicais poden chegar aos 60 mm. Presenta pequenos apéndices en gran parte dos esternitos abdominais, ademais de dúas grandes sedas no extremo do abdome que poden ser longos. O abdome, de 10 segmentos visibles, presenta nos 7 primeiros unhas vesículas que interveñen no control hídrico do animal ao poder absorber a humidade do ambiente. O abdome remata nun par de cercos filamentosos e segmentados, ou en cercos con forma de pinza, formados, cada un, por unha única peza. Na cabeza non presentan ollos, pero si antenas longas formadas por segmentos que van dos 20 aos 40, e mandíbulas parcialmente encastradas. Posúen tres pares de patas de tarsos cun só segmento e rematadas en dúas unllas. Reprodúcense por fecundación externa, xa que os machos fixan os espermatóforos ao extremo de pequenos talos -ata 200 por semana, viables durante dous días-, que recollen as femias directamente coa súa xenitalia; posteriormente poñen os ovos en cavidades. Carecen de metamorfose e os animais novos son semellantes na forma aos adultos. No caso de perderen algún apéndice, recupérano nas seguintes mudas; moitas destas características fan que se consideren semellantes aos primeiros insectos. Son maiormente detritívoros, aínda que algunhas especies son depredadoras -de pequenos animais como colémbolos ou ácaros-, e outras aliméntanse do micelio de fungos. Viven en solos húmidos e sombrizos, cunha maior diversidade nos solos de climas tropicais. Coñécense unhas 800 especies de dipluros no mundo. Na Península Ibérica están presentes un mínimo de 15 xéneros e 96 especies.