díptero -ra
(< lat diptĕros < grδίπτερος)
-
adx
Que presenta dúas ás.
-
[ANIMAL/ENTOM]
-
adx
Relativo ou pertencente aos dípteros.
-
s
m
Insecto da orde dos dípteros.
-
s
m pl
Orde de insectos que se caracteriza por presentar, na fase adulta, un par de ás membranosas e un segundo par transformado en pequenos órganos, con forma de maza, que serven como órgano de equilibrio durante o voo. Durante a fase larvaria preséntanse como eirugas ápodas, aínda que algunhas teñen apéndices carnosos que facilitan o movemento. Viven, dependendo das especies, en medios tan diversos como os acuáticos ou os cadavéricos. A cabeza dos adultos é, xeralmente, de gran tamaño e mobilidade, con dous grandes ollos compostos de milleiros de facetas. Ademais, na parte superior da cabeza, a maioría das especies presentan tres ocelos, dispostos de xeito triangular. Os dípteros adultos teñen o corpo cuberto de sedas que utilizan como receptores sensoriais, ademais das antenas que presentan na parte media da cabeza e que se empregan para o tacto e o olfacto. As sedas ou macroquetas son de grande importancia para a clasificación e identificación. Aliméntanse durante a fase adulta de líquidos, polo que presentan pezas bucais que forman unha trompa ou probóscide. Os dípteros picadores teñen a trompa de tipo perforador-sutor, mentres que os dípteros zugadores teñen un aparato tipo lambedor-sutor. A orde dos dípteros divídese en tres grandes subordes: a suborde dos nematóceros caracterízase por presentar, cando os adultos, as antenas formadas por segmentos cilíndricos semellantes entre si, mentres que as formas larvarias posúen unha cabeza ben diferenciada con pezas bucais mastigadoras, e a ela pertencen os mosquitos e as típulas; a suborde dos braquíceros, de antenas con tres segmentos basais e un apéndice terminal denominado estilo, de larvas coa cabeza reducida, na que se inclúen os tabáns; e a suborde dos ciclorrafos, de antenas con tres segmentos basais e un apéndice fino dorsal, denominado aresta, con larvas de cabeza practicamente inexistente e pezas bucais en forma de garfos, ao que pertencen as moscas. Os dípteros son insectos holometábolos que sofren unha metamorfose completa durante o seu ciclo biolóxico, así, pasan polas etapas de ovo, larva, pupa e adulto. Algunhas especies completan o ciclo, en condicións favorables, en menos dunha semana. Os ovos teñen forma alongada e póñenos en masas ou de xeito illado, nun número que vai dende varios miles ata menos dunha ducia. Moitas das larvas aliméntanse de materia orgánica en descomposición, mentres que outras son fitófagas (como as larvas das típulas que chegan a ser consideradas como pragas para os cultivos), depredadoras doutros insectos ou mesmo parasitas. Estas últimas afectan de xeito interno ou externo a invertebrados ou vertebrados, como o gando ou o home, nos que provocan miases cutáneas (na epiderme e na derme), cavitarias (nas zonas orbital, nasal e auditiva), gastrointestinais, rectais ou xenitourinarias. No proceso de formación da pupa, os nematóceros e os braquíceros non están pechados en ningún tipo de estrutura protectora e son móbiles, mentres que os ciclorrafos, son inmóbiles, xa que permanecen pechadas na pel larvaria, que se endurece formando unha membrana externa ou pupario, co que se protexen do exterior. Para romper o pupario axúdanse dunha vesícula, denominada ptilino, situada na fronte e que actúa por presión da hemolinfa. A vida media dun díptero adulto varía, segundo as especies, entre unhas horas e uns meses. Os adultos bailan danzas nupciais que nalgunhas especies van acompañadas de feromonas e sons. En moitos casos, os machos xúntanse en enxames próximos ao medio onde se van desenvolver as larvas -que pode ser, en función do díptero, unha charca ou un cadáver- a onde acoden as femias para emparellarse. Ocupan multitude de hábitats distintos en todos os climas. Coñécense unhas 120.000 especies no mundo, das que 30.000 son europeas e 12.000 están presentes na Península Ibérica. Algúns dípteros son importantes transmisores de enfermidades, como é o caso das moscas domésticas, que transportan patóxenos cos que entran en contacto no lixo ou nos excrementos, nas extremidades e nas regurxitacións que aplican sobre os novos alimentos para amolecelos. Así, son vectores de enfermidades como a salmonelose, o cólera, a disentería, o tifo ou a lepra. Tamén son transmisores importantes os hematófagos que introducen saliva de propiedades anticoagulantes no corpo do animal. Entre os máis comúns están os mosquitos dos xéneros Culex, Anopheles e Aedes. As femias, que son as que pican, transmiten enfermidades como a virose, a malaria, o paludismo, a encefalite, o dengue ou a febre amarela. Os máis dos dípteros son fundamentais nos ecosistemas terrestres e nos das augas continentais. Son importantes descompoñedores de materia orgánica na fase larvaria e os principais polinizadores das plantas con flor. Ademais, teñen un importante papel na cadea trófica pola multitude de insectívoros que dependen deles. Reciben as denominacións populares de moscas, mosquitos, tabáns, moscos, moscardos, moscaveiras e vareixas.
-
adx
-
s
m
[ARQUIT]
-
Na arquitectura clásica, edificio rodeado por dúas ringleiras de columnas. A distancia entre elas é igual á dun intercolumnio.
-
Edificio que ten dúas ás ou corpos saíntes nos seus costados.
-