dirofilariase

dirofilariase
s f [PAT]

Helmintiase do aparato circulatorio, producida pola especie Dirofilaria immitis, que afecta os cans, ocasionalmente os gatos e rara vez os homes. Ten como hospedeiro intermediario os mosquitos ou outros artrópodos hematófagos. Posúe unha ampla distribución en zonas tropicais e subtropicais. Constitúe unha enfermidade cardiopulmonar producida pola presenza e desenvolvemento dos helmintos no ventrículo dereito do corazón e ten por síntomas tos e fatiga. Os adultos viven e reprodúcense na arteria pulmonar, logo da copulación aparecen as formas xuvenís do parasito denominadas microfilarias. Estas, en cambio, localízanse no sangue periférico dos hospedeiros, polo que é posible que pasen ao interior dun mosquito que pique o mamífero. No mosquito, a microfilaria continúa o seu desenvolvemento, e cando este volve picar transmítea a un novo mamífero. Unha vez alí, desenvólvese ata o estadio adulto aloxándose na arteria pulmonar e reanuda novamente o ciclo.

Palabras veciñas

dirixismo | dirixista | Dirofilaria | dirofilariase | Dis | 1 dis- | 2 dis-