distribucionalismo

distribucionalismo
s m [LING]

Corrente lingüística inspirada na obra de Leonard Bloomfield, que se desenvolve entre os anos 30 e 50 do s XX nos EE UU, en reacción contra as gramáticas mentalistas e as ideas de Edward Sapir e Benjamin Lee Whorf. Parte do principio de que os elementos dunha lingua non co-ocorren de xeito arbitrario, senón de acordo con determinadas relacións. Aínda que esta era unha constatación moi antiga, non fora obxecto de método ata a chegada do distribucionalismo. Esta corrente teórica desenvólvese nunha gramática norteamericana marcada por unha cativa representación das tendencias filolóxica, histórica ou comparativa, e polo interese nas linguas amerindias, nunha situación oral non-codificada. Así, a lingüística da época presenta conexións coa antropoloxía e cunha psicoloxía condutista que, en tanto ciencia natural, evita a introspección e favorece as análises obxectivas. Neste contexto, a lingüística deberá dedicarse a describir os elementos dunha lingua a partir da súa aptitude (posibilidade ou imposibilidade) para se asociaren, co fin de poder describir por completo un estado de lingua na dimensión sincrónica. Con este fin trabállase cun corpus lingüístico finito e pechado, que non se pode alterar. A partir dese corpus realízanse as oportunas xeneralizacións, na procura sempre da preservación da súa representatividade e mais da homoxeneidade dos enunciados, prescindindo deliberadamente das variacións que diferentes situacións ou falantes puidesen introducir en beneficio da inmanencia das regras lingüísticas. Xa que logo, estúdiase a interdependencia dos elementos internos de carácter discreto da lingua. A partir de enunciados lineais extráense os diferentes elementos, que se organizan en niveis xerárquicos (fonolóxico, morfolóxico, frástico), de xeito que cada unidade é definida a partir das súas combinacións no nivel superior. Para identificar os elementos que pertencen a cada nivel, procédese á segmentación da cadea falada, óbvianse as implicacións de significado e compáranse múltiples enunciados co fin de realizar as segmentacións de configuracións características. Con todo, na práctica obsérvase un certo recurso ao significado para identificar con propiedade os enunciados, malia non seren estes nunca obxecto de interpretación ou análise. Estúdianse os contextos en que aparecen os elementos lingüísticos e identifícanse as súas posibilidades de colocación nos enunciados do corpus: o conxunto desas posibilidades constitúe a súa distribución. Igualmente, saliéntanse as combinacións posibles fronte ás non-posibles nunha lingua (bebín auga, pero non au bebín ga), feito que permite definir os elementos consonte as restricións que os seus formantes impoñen. O agrupamento das distribucións de cada elemento permite establecer as clases distribucionais. Así, os fonemas defínense, non a partir de criterios fonéticos, senón das combinacións e restricións existentes en cada caso. Os substantivos, pola súa banda, serán elementos caracterizados pola posibilidade de admitiren artigos e determinantes á súa esquerda ou verbos á dereita. A análise das distribucións leva, en determinado punto do proceso, a non poder obviar o significado, imprescindible para entender as relacións complementarias existentes entre formas como ti, te, che, -tigo, é dicir, entre alomorfos do mesmo morfema. Non menos importantes son as limitacións deste método para analizar a ambigüidade oracional e discursiva, dificilmente explicable se se toma como base un corpus finito que non deixa lugar á produción de frases novas nin á creatividade do falante. As insuficiencias do método, pretendidamente descritivo e indutivo, nunha lingüística aínda taxonómica, favorecerán a posterior aparición da gramática xenerativa.

Palabras veciñas

distraer | distraído -da | distribución | distribucionalismo | distribuíble | distribuidor -ra | distribuidora