divino sainete, O

divino sainete, O
[LIT]

Poema longo publicado por Manuel Curros Enríquez no ano 1888. Trátase dunha composición satírica, de carácter paródico, que toma como modelo a Divina Comedia de Dante Alighieri para criticar a hipocresía da Igrexa do seu tempo, así como certas institucións e personaxes da política e da cultura galegas, en especial o xuíz Manuel Mella e o bispo Cesáreo Rodrigo, que o condenaron pola publicación de Aires da miña terra (1880), e a escritora Emilia Pardo Bazán, polo seu desprezo do Rexurdimento da literatura galega. Composta de 512 tríades ou tercetos de versos octosílabos, con rima asonante nos impares, estruturalmente ten unha introdución e oito cantos. Desenvolve a peregrinaxe que realiza o autor a Roma con motivo do ano xubilar celebrado polo Papa León XIII. O defunto poeta Francisco Añón, que se presenta como capitán da Santa Compaña, acompáñao na súa viaxe en ferrocarril e convértese no guía que o conduce ao longo dos vagóns, que simbolizan os sete pecados capitais. O encontro entre a figura de Curros e o Papa sérvelle para ilustrar a contraposición entre as riquezas da Igrexa e a pobreza dos labregos galegos e resólvese no retorno do pontífice ás orixes do cristianismo e á caridade. A aparición da obra no contexto do Rexurdimento supuxo un avance na defensa de Galicia e, en particular, un ataque aos opresores dos labregos e unha aposta pola educación, democracia e liberdade como base para o progreso e a dignificación dos galegos. O humor baséase na reelaboración burlesca dos motivos e da estrutura do texto de referencia, de xeito que a procura do Ceo, de Dante, se transforma noutra máis realista: Roma. Curros representa o equivalente de Dante; Añón, de Virxilio; os romeiros que ocupan o tren, das almas; os vagóns, dos círculos (aínda que na Divina Comedia son nove); e os pecados, do mesmo Inferno. Obra combativa, burlesca e alegórica onde se enlazan modelos culturais, ecos literarios e actitudes comprometidas, caracterízase por unha linguaxe sinxela, con abundancia de expresións populares, adecuada para amosar o xocoso, o humor negro e o compromiso ideolóxico. Todo o poema está articulado semanticamente arredor do enérxico anticlericalismo e do tratamento sarcástico de institucións, personaxes e xerarquías relixiosas e xudiciais.

Palabras veciñas

divinización | divinizar | divino -na | divino sainete, O | Divinópolis | 1 divisa | 2 divisa