divorcio

divorcio

(< latdīvŏrtĭu)

  1. [DER]
    1. s m

      Disolución dun matrimonio celebrado validamente, en vida dos cónxuxes, mediante unha resolución xudicial fundada nunha causa legal. No ordenamento civil español, o divorcio baséase nos principios da previa ruptura da convivencia conxugal inferida tralo transcurso dun prazo de separación legal ou de feito, e de disolución por mutuo acordo, condicionado a un prazo de reflexión ou espera. Nas sociedades primitivas o matrimonio non se consideraba indisoluble. A iniciativa da ruptura correspondíalle ao home que a exercía por causa da esterilidade da muller. En moitas civilizacións antigas, o divorcio estaba consentido: causas como a desatención do marido facultaban á muller para divorciarse e o marido podía deixar a súa muller se esta era estéril. Na cultura asiria, o home podía repudiar a muller e as esposas de guerreiros prisioneiros podían volver a casar. En Grecia, o divorcio estáballes permitido a ambos os sexos; sen embargo, en Roma o divorcio non chegou a xeneralizarse ata o s II. A difusión do cristianismo incluíu a praxe dunha Igrexa paulina na que o divorcio estaba permitido nalgúns casos (recollidos despois na mesma Igrexa católica como divorcio vincular), en beneficio da paz e da fe. A Igrexa dos primeiros séculos e posteriormente as Igrexas orientais mantiveron unha actitude de comprensión ante os casos concretos de fracaso matrimonial, mentres que a Igrexa romana negou a posibilidade de divorcio e, excepto os casos especiais, só consentiu declarar nulo, é dicir, nunca existente o vínculo matrimonial no caso de que isto poida ser probado. Os protestantes, pola contra, consideran o matrimonio como un contrato civil que, polo tanto, non ten por qué ser perpetuo. En España aprobouse a Ley del divorcio o 7 de xullo de 1981. Con anterioridade a esa data só houbo un precedente histórico durante a Segunda República (1931-1936/1939). O fundamento xurídico do divorcio é o que defende que o matrimonio civil é unha relación contractual entre dúas partes e, como tal, non ten por que ser permanente. As causas de divorcio legal son o cesamento efectivo da convivencia conxugal que se produce transcorridos certos prazos, e a condena en sentencia firme dun cónxuxe por atentar contra a vida do outro cónxuxe, dos seus ascendentes ou descendentes. Os efectos da sentenza de divorcio atenden ás medidas sobre o coidado e educación dos fillos, á contribución dos proxenitores para a súa atención, ao dereito de visita e compañía ao proxenitor que non manteña a custodia dos fillos e á disolución do réxime económico matrimonial.

    2. divorcio vincular

      Disolución do vínculo matrimonial que ten efectos no matrimonio (incluso consumado) cando a fe católica dun dos cónxuxes determina dificultades graves na convivencia. Se un dos cónxuxes fai profesión de fe relixiosa, pódese conceder o divorcio vincular sempre que o matrimonio non estivese consumado.

  2. Separación ou desacordo entre dúas ou máis cousas ou persoas.

    Ex: Entre as súas ideas e as miñas sempre houbo un claro divorcio.

Refráns

  • Anque perdín os anelos, aínda me quedan os dedos.
  • Se a descasarse tocaran ¡cantos se descasaran!