dobrón

dobrón

(< 2 dobra)

s m [NUMIS]

Moeda de ouro que apareceu durante o reinado dos Reis Católicos (1497). Orixinariamente, chamouse excelente e serviu de base ao sistema económico, cun valor de 375 marabedís. Dende 1504 coñeceuse como ducado, pero en 1535 introduciuse unha nova moeda de ouro como base do sistema monetario, o escudo de ouro ou coroa, e o dobrón adquiriu o valor de dous escudos e un peso de 6,80 g. O dobrón de Filipe II tiña un peso de 6,75 g e unha lei de 22 quilates, equivalía a 20 reais de prata ou a 700 marabedís e circulou como moeda internacional. Cuñouse en Castela, Aragón e València. Durante o reinado de Filipe IV cuñouse tamén en Catalunya e dende 1627 en América. Foi a moeda de ouro máis vella do novo mundo. No reinado de Carlos II, cotizábase a 60 reais de billón. Baixo o reinado de Isabel II foi a principal moeda de ouro e dende 1834 ata 1849 tivo un valor de oitenta reais de billón ou centéns, polo que recibiu o nome de ochentí. En 1848, coa implantación do sistema do real de billón, deixou de cuñarse, pero ata 1864 tivo un valor de cen reais de billón, e a partir de 1864, de dez escudos de prata.