Dodro
Concello da comarca do Sar, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Rois, ao S co de Valga (comarca de Caldas), ao L cos de Padrón e Valga, e ao O co de Rianxo (O Barbanza). Abrangue unha superficie de 36,1 km 2 cunha poboación de 3.053 h (2007), distribuída nas parroquias de Dodro, Laíño e San Xoán de Laíño. A capital municipal é o lugar de Tallós, na parroquia de San Xoán de Laíño, situada a 42° 42’ 50’’ de latitude N e 8° 42’ de lonxitude O, 29 km ao SO de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Padrón e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Dodro está baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por unha elevada pluviosidade e temperaturas mornas. Os contrafortes orientais da serra do Barbanza e a orientación da ría de Arousa fronte aos fluxos marítimos do SO provocan unhas precipitacións moi elevadas, que superan os 2.000 mm de media anual na área occidental do municipio, onde se sitúan as maiores altitudes, e de 1.700 mm no resto do concello. Malia esta elevada pluviosidade, o número de días de chuvia ao ano (menos de 140) é dos máis baixos de Galicia, de xeito que cando chove faino con intensidade, por mor da grande humidade das masas de aire que constitúen as frontes frías das perturbacións ciclónicas do SO. O réxime pluviométrico rexistra o seu máximo estacional nos meses do inverno, nos que se recollen o 34% das precipitacións anuais; a primavera, co 26%, e o outono, co 27%, adoptan o carácter de estacións de transición, mentres que o período estival experimenta unha relativa seca (só se recolle o 13% anual) que repercute nun certo déficit hídrico durante os meses de xullo e agosto. A temperatura media anual é de 14,5°C, como consecuencia duns invernos termicamente suaves (a mínima mensual é a de xaneiro, con 9°C) e veráns bastante cálidos (as máximas rexístranse en xullo e agosto, con 21,1°C). A oscilación térmica anual é feble (12,1°C), e as xeadas son excepcionais. Polo que atinxe ao relevo, diferéncianse dúas claras unidades topográficas. Por unha banda, o esteiro do río Ulla, coa súa chaira litoral formada polos sedimentos aluviais, que ocupa o S e SL do municipio. Nela ábrense as marismas das Avesadas, Brañas de Laíño, Lestrobe e Dodro. Por outra banda, na área occidental e setentrional do concello aparecen os contrafortes da serra do Barbanza, afloramento granítico preherciniano, onde se acadan as maiores altitudes: Alto do Miradoiro (571 m), O Treito (474 m no límite cos concellos de Rianxo, Lousame e Rois), Monte Caldebarcas (320 m) e Carboeiro (301 m). O río Ulla, que circula polos extremos S e SL, serve de fronteira municipal. Nel desaugan os regos Manselle e Vogo ou San Lufo. O Devesa, en cambio, desemboca no río Te, en Rianxo.
Xeografía humana
O concello de Dodro amosa unha grande estabilidade demográfica, pois dende 1887 (cando sumaba 3.178 h), ano do primeiro censo, ata 2007 (3.0553 h), a súa poboación diminuíu en tan só 125 h, mantendo ao longo destes anos un volume demográfico que sempre foi superior aos 3.100 h. As características máis salientables do poboamento son a ausencia de núcleos urbanos (aínda que Lestrobe, na parroquia de Dodro, forma practicamente parte do centro urbano de Padrón) e a distribución da poboación por todo o territorio, agás nas áreas de relevo máis accidentado. A evolución demográfica que experimentou durante o s XX resultou, finalmente, lixeiramente positiva, pois entre 1900 e 1996 o incremento foi do 7%. O crecemento foi moderado ata 1920, dun 0,08% anual, propiciado por un elevado crecemento vexetativo que contrarrestaba a emigración. Entre 1920 e 1930 rexistrouse unha pequena caída (-0,14% de media anual), que coincidiu coa máxima forza da vaga emigratoria cara a América. O decenio seguinte retomou o signo positivo, cunha media do 0,33%, debido ao cesamento da demanda de man de obra nos países tradicionalmente receptores, nunha conxuntura de crise económica e bélica. A partir de 1940 principiou un novo período de descenso ata chegar ao mínimo poboacional en 1970, con 3.176 h. Este proceso debeuse á intensificación da emigración, desta volta con destino principalmente á Europa Occidental e ás cidades españolas e galegas máis prósperas. Dende esa data e ata 1996, a poboación non deixou de incrementarse, como consecuencia do peche da emigracion exterior e da prosperidade da economía comarcal, co que medrou anualmente nun 0,28%. Non obstante , os recontos de poboación posteriores mostran un descenso de poboación de -5,69% no período 1996-2001 e de -4,89% entre 2001 e 2007. O crecemento natural (2006) da poboación é negativo -0,5‰, froito dunha taxa de natalidade relativamente alta (8,4‰) e unha mortalidade alta (8,9‰). En canto á estructura por idades, os menores de 20 anos representan o 14,6%, mentres que os maiores de 65 supoñen o 23,3%; o grupo intermedio representa o 62,1%. Polo que respecta á distribución por sexos, as mulleres constitúen o 51,75% da poboación municipal e os homes o 48,24%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Dodro é do 48,2% (63,9% a masculina e 33,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,7% (56% a masculina e 24,8% a feminina) e a taxa de paro é do 17,5% (12,4% a masculina e 26,4% a feminina). A economía do concello de Dodro caracterízase polo dominio dos sectores secundario e terciario, aínda que a agricultura mantén certa importancia, sobre todo como complemento das rendas familiares. As actividades agropecuarias constitúen a ocupación principal do 4,40% dos traballadores residentes no concello, pero está moi estendida a súa práctica a tempo parcial polas persoas que desenvolven outra actividade. O relevo provoca que sexan escasas as terras dispoñibles para cultivo (13% da superficie municipal) e os pastos (6%), pero, pola contra, son moi fértiles, ao situarse na veiga do Ulla. Os traballos de concentración parcelaria realizados e a elevada produtividade do solo propician uns grandes rendementos agrícolas e altos ingresos a aqueles que a practican. Destaca a produción hortofructícola, que se destina aos mercados urbanos próximos (Padrón e Santiago de Compostela, fundamentalmente), e de patacas e millo. A gandería non é moi significativa, agás a avicultura, favorecida pola presencia no municipio dun importante matadoiro de aves. Existe, ademais, unha importante granxa cinexética xestionada pola consellería de Agricultura, que cría especies de caza maior e menor. A produción forestal é intensa gracias á elevada superficie que ocupa o arboredo (66%), dominado polos piñeiros. Malia a súa situación litoral e a proximidade aos importantes portos de Santa Uxía de Ribeira e Vilagarcía, a porcentaxe de residentes no concello que se dedican ás actividades pesqueiras é practicamente nula (0,703%). Malia que Dodro non conta cunha sólida base industrial, o número de empregados no sector é moi elevado (28,9%). A maior parte desprázanse diariamente aos concellos veciños, principalmente Padrón, Pontecesures e Catoira, onde se establecen as empresas nas que desenvolven a súa actividade laboral. No ámbito municipal destacan as empresas relacionadas co sector agroalimentario, como o matadoiro avícola Campiñas de Laíño ou Fesba, dedicada ao procesado e conxelado de peixes e mariscos. Os serradoiros tamén son numerosos, para aproveitar a riqueza silvícola do concello. A construción emprega o 18,4% dos ocupados. Os servizos son a rama de actividade que máis emprego xera, o 47,6%, pero tamén nunha gran parte os traballadores deste sector teñen os seus postos de traballos noutros concellos. A rede de estradas articúlase arredor da estrada AC-305. A conexión coa beira meridional da ría de Arousa faise a través da ponte de Catoira. Tanto a autoestrada do Atlántico AP-9 como a liña de ferrocarril Santiago de Compostela-Vigo pasan moi preto do concello (en Padrón teñen, respectivamente, saída e estación) polo que a súa accesibilidade é boa.
Historia
O testemuño máis antigo da presenza humana nas terras do concello é o gravado rupestre de Bouza Abadín en Imo, datado na Idade do Bronce (1.500-600 a C), e no que se representan combinacións circulares e figuras de animais esquematizadas. Consérvanse tamén as ruínas de dous poboados castrexos (ss VI a C - II d C), o castro de Traxeito e o de Imo, ambos en Laíño. Os ss XV e XVI foron un momento de grande actividade; así o reflicten os documentos sobre preitos dalgunhas familias de nobres, como a dos Ballesteros, e as numerosas construcións realizadas. Durante a Idade Moderna, as parroquias que o integran estaban divididas entre o couto redondo de Dodro e Lestrobe (parroquia de Dodro) e a xurisdición de Rianxo (parroquias de Laíño e San Xoán de Laíño); ambas as dúas circunscricións pertencían á provincia de Santiago e o arcebispo compostelán era señor da xurisdición de Rianxo. En 1812, tras promulgarse a Constitución de Cádiz, substituíuse a administración señorial por unha de carácter municipalista, que se traduciu na creación dos concellos de Lestrobe e Laíño, adscritos á provincia de Galicia. Non obstante , en 1814 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime. En 1820, tralo pronunciamento do coronel Riego, rehabilitouse o sistema constitucional e con el a administración municipal do territorio. En 1822 integrouse na nova provincia da Coruña. Un segundo decreto derrogatorio da Constitución volveu disolver os concellos de Laíño e Lestrobe en 1823. Para a definitiva recuperación do municipalismo houbo que agardar ao pasamento do Rei Fernando VII; deste xeito, en 1836 creouse o concello de Dodro, que dende aquela data mantivo a mesma delimitación e configuración actual, e malia que sufriu varios intentos de supresión e incorporación ao de Padrón, nunca chegaron a producirse. No 1930 celebrouse no pazo da Ermida unha xuntanza política, coñecida como Pacto de Lestrobe, na que os cincuenta asistentes acordaron a creación da Federación Republicana Galega, que tiña como obxectivo principal loitar pola autonomía para Galicia.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos destacas as igrexas de Santa María de Dodro, San Xián de Liaño e San Xoán de Liaño, barrocas do s XVIII. Cómpre destacar tamén a capela de Nosa Señora do Bo Parto e do Leite en Bexo cunha fachada neoclásica. No eido da arquitectura civil destacan o pazo de Laíño ou de Tarrío, erixido a comezos do s XVIII; do pazo de Vigo, que pertenceu aos Bendaña, a penas quedan restos, pois os seus principais elementos arquitectónicos e ornamentais foron trasladados ao pazo de Meirás para adornar xardíns e outras dependencias; o pazo de Lestrobe, edificado polo arcebispo Bertomeu Raxoi e Losada como lugar de descanso dos prelados composteláns, declarado BIC en 1994; e o pazo de Hermida, barroco do s XVIII, rehabilitouse como casa de turismo rural. No campo da arquitectura popular destacan, entre outros, os cruceiros da Cruz do Abelán (San Xoán de Laíño, s XVII), de tipo de Loreto ou de Capela, o de Bustelo en Laíño cun peto de ánimas nunha esquina da súa base, e o de Grandín en Eiró. En Imo, no lugar de Lavandeira, consérvase un conxunto de once hórreos do chamado tipo mixto, a maioría deles do s XVIII. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Sistema Fluvial Ulla-Deza declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran cómpre salientar as de san Campio en Dodro, as da Virxe das Dores en Imo, as de Nosa Señora do Leite en Laíño e a festa dos Aflixidos en Lestrobe.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Sar, O |
| Extensión | 36 Km2 |
| Poboación Total | 3053 h |
| Poboación Homes | 1473 h |
| Poboación Mulleres | 158 h |
| Densidade de poboación | 84.81 h/Km2 |
Parroquias
| Dodro |
| Laíño |
| San Xoán de Laíño |