Dolly
Nome que recibiu a ovella nacida do primeiro proceso exitoso de clonación en vertebrados. A experimentación realizárona os doutores Ian Wilmut, Angelika E. Schnieke, Jim McWhir, Alexander J. Kind e Keith H. S. Campbell no Instituto Roslin de Edimburgo. Os resultados publicáronse o 27 de febreiro de 1997 na revista científica Nature. Para obter a Dolly, extraeuse o núcleo dunha célula da glándula mamaria da ovella a clonar, que logo se introduciu no óvulo doutra ovella ao que se lle extraera previamente o seu. Este óvulo, co novo núcleo, estimulouse mediante unha descarga eléctrica para que comezase a dividirse. Despois implantouse no útero dunha terceira ovella que pariu, logo dunha xestación normal, unha ovella xeneticamente idéntica á que doou a célula mamaria.