Dolmen
Grupo poético xurdido en Ourense en 1991 formado por Eduardo González Ananín, Víctor Campio Pereira, Manuel de Dios Martínez, Manuel Blanco Luis, Edelmiro Vázquez Naval, Millán Picouto e Chus Pato. Centrado ao redor de parladoiros literarios, os seus integrantes non se senten vinculados por criterios de idade, afinidade estética ou ideolóxica, senón polo seu interese común na promoción e divulgación da cultura galega nas súas diversas manifestacións. O seu obxectivo é incidir na singularidade do ser galego, na súa entidade propia fronte a outras terras e pobos e, ao mesmo tempo, desde a súa especificidade, tentar o achegamento a outras culturas. Entre as súas actividades destacan a colaboración activa con outros grupos literarios galegos e do norte de Portugal, a organización de recitais, homenaxes, a publicación de catálogos, revistas e libros. Publicaron o volume colectivo Sete poetas ourensáns (1992); a revista Dolmen; a antoloxía de poetas galegos e portugueses Poesía dos Aléns (1993); e a homenaxe aos poetas arxentinos descendentes de galegos Voces do alén-mar (1995), con poemas de Carlos Penelas, Roberto Díaz, Lucas Moreno e Antonio J. González.