Don Xoán

Don Xoán
[LIT]

Personaxe literario que representa o sedutor dominado por un afán de conquista amorosa ilimitado, irrespectuoso coa relixión e co estado. Apareceu por primeira vez na peza teatral El burlador de Sevilla y convidado de piedra (1616), atribuída a Tirso de Molina, ligado a dous temas que se repetirán en todas as versións: o do libertino ou burlador e o do castigo final. Os compoñentes máis antigos do mito remóntanse aos romances do s XVII, que presentan un mozo que tropeza cunha caveira, observa unha estatua funeraria ou entra, dalgún modo, en contacto coa morte e, de forma irrespectuosa, invítaa a cear. A caveira, ou o seu equivalente, acode á cita, invitando á súa vez o anfitrión, que neste terceiro encontro recibe un castigo de ultratumba polo seu comportamento irreverente cos mortos. Tirso engadiu o terceiro compoñente esencial: o seu personaxe tampouco respecta os vivos, comprácese en enganar as mulleres e non dubida en matar a quen se interpoña. O castigo final resulta, así, dobremente xustificado. En diante, as sucesivas versións do mito mantiveron eses trazos, así como o carácter satánico do personaxe, a súa declarada incredulidade inicial cara aos feitos sobrenaturais que vive, para os que tenta atopar unha explicación razoable; e a insistencia na brevidade da vida e na morte próxima que o ameaza. Non obstante , as múltiples reelaboracións teatrais, poemas, contos e novelas posteriores, combinaron de diversas maneiras estes elementos, dependendo da época, do país e do autor, de xeito que existe unha gran variedade de interpretacións. Entre os ss XVII e XVIII inspirou títulos como Don Juan ou le festin de pierre (Don Xoán ou o convite de pedra, 1660), de Molière; No hay plazo que no se cumpla ni deuda que no se pague (1734), de A. Zamora; Don Giovanni Tenorio ossia il disoluto (Don Xoán Tenorio ou o disoluto, 1736), de Goldoni; ou Les liaisons dangereuses (As amizades perigosas, 1782), de Laclos, que reflicte o donxoanismo feminino e masculino da corrupta aristocracia francesa do s XVIII. O romanticismo supuxo a máxima difusión do mito, con importantes innovacións: Don Juan (1813) de E.T.A. Hoffman, presentouno como o condenado que localiza demasiado tarde a muller destinada a salvalo; Don Juan (1818-1824), de Lord Byron, converteuno no sedutor seducido; Les âmes du Purgatoire (As almas do purgatorio, 1834), de P. Merimée, engadiulle o fatalismo de Fausto; Don Juan de Mañara (1836), de A. Dumas e El estudante de Salamanca (1837), de J. Espronceda, insistiron no seu afán de liberdade, fronte ás convencións sociais; e o Don Juan Tenorio (1844), de J. Zorrilla, humanizouno ao dotalo da capacidade de amar e chegar a un amor espiritual polo que obtén o perdón divino. O s XX trouxo a desmitificación do personaxe: La dernière nuit de Don Juan (A última noite de Don Juan, 1921), de E. Rostand, fixo del un monicreque; as Sonatas (1902-1905), de Valle-Inclán recreárono na figura do Marqués de Bradomín cunha visión decadente; os ensaios de Gregorio Marañón reflectiron un inmaturo sexual que necesitaba reafirmarse a través das conquistas e das aventuras eróticas; o Don Juan (1952), de M. Frisch, presenta o home actual que sente frustrada a súa liberdade; e Don Juan (1963), de Torrente Ballester, achegouno ao lector ao permitirlle explicarse por si mesmo. A lenda de Don Xoán tratouse no cine, na pintura e na música, onde foi tema de ballets, óperas, como Don Giovanni de Mozart (1787), e pezas musicais de L. Delibes, F. Alfano ou E. Goossens.

Palabras veciñas

Don Sincero | Don Teófilo | Don Verdades | Don Xoán | dona | Dona | Doña Mencía