donatismo

donatismo

(< antropónimo Donato)

s m [HIST]

Herexía estendida entre a Igrexa norteafricana durante o s IV. Apareceu pola oposición dalgúns dos bispos de Numidia ao nomeamento de Ceciliano como bispo de Cartago, pois foi consagrado por Fiz de Aptonga, considerado como un dos “traidores” que colaboraron con Diocleciano. Consecuentemente, xurdiu o cisma cando se formou un concilio de setenta bispos de Numidia, que depuxeron a Ceciliano e o substituíron por Maiorino. No 315 Donato foi elixido sucesor de Maiorino e a herexía estendeuse, mentres os donatistas perseguiron os católicos e destruíron os seus templos. A súa doutrina sostiña que a Igrexa visible estaba formada unicamente polos xustos e santos, e que os sacramentos carecen de validez se son administrados por un ministro indigno. O donatismo adquiriu tamén un matiz de loita social cando os campesiños, sometidos a pesadas cargas contributivas e vexacións, tomaron o partido donatista e saquearon as facendas e vivendas dos cristiáns ricos. A Donato sucedeuno Parminiano, entre o 355 e o 391, e máis tarde Petiliano, bispo de Cirta, que defenderon a seita fronte a Agostiño de Hipona e Octavio de Milevi. Chegou a ter un gran número de seguidores que, a pesar da persecución do Emperador Honorio, sobreviviron á invasión dos vándalos (429) e non se disgregaron ata a conquista dos árabes no 650.