donicela
(
Mamífero carnívoro, do xénero Mustela, de entre 15 e 33 cm de lonxitude entre a cabeza e o corpo, cunha cola que varía entre os 4 e 13 cm. Presenta un pescozo longo, corpo alongado, flexible e cilíndrico, e patas moi curtas con cinco dedos; a cabeza é aplanada e o fociño curto, con orellas pequenas e arredondadas. Os machos poden pesar entre 60 e 170 g, e as femias entre 40 e 65 g; estas son de menor tamaño ca os machos e teñen oito glándulas mamarias. O dorso e a totalidade da cola é de cor acastañada clara -que no inverno se torna máis intensa- e a parte ventral de cor branca. O nariz é negro. As poboacións que viven en zonas frías adquiren unha cor totalmente branca no inverno, feito que lles facilita a camuflaxe entre a neve. Ademais, estas donicelas son máis pequenas ca as de zonas máis quentes. De cando en vez nacen individuos albinos. En catividade acadan os dez anos de idade pero a lonxevidade media é dun ano. As femias poden entrar en celo entre xaneiro e principios de outubro, aínda que as máis das veces isto acontece na primavera. Os machos inician combates entre eles para acceder ás femias. Trala cópula, e sen que teña lugar a fecundación diferida propia doutros mustélidos, comeza a xestación que dura entre 34 e 37 días. Tralo parto, o macho sepárase da femia. Teñen entre catro e oito crías que pesan entre 1 e 3 g, espidas e cos ollos pechados, que durante un mes maman da nai; durante tres meses máis acompañan a nai e aprenden a cazar. Poden ter unha segunda, e incluso unha terceira camada, se as densidades de roedores o permiten. Acadan a madurez sexual entre os tres e os catro meses, momento no que se independizan. Fóra de época de reprodución son animais solitarios e marcan os territorios, que coinciden con medios cunha alta densidade de roedores, con excrementos e ouriños, territorios que defenden de donicelas do mesmo sexo. Aínda así, teñen pautas de dominancia e submisión que evitan a maioría dos enfrontamentos directos. As donicelas non hibernan e son especialmente activas nas horas do solpor, aínda que se poden observar cazando en pleno día ou de noite. Desprázanse velozmente mediante pequenos saltos e son especialistas en penetrar nos tobos dos roedores dos que se alimentan. Tamén gabean e nadan con facilidade. Son animais curiosos capaces de se enfrontar a animais de moito maior tamaño. Cando se ven ameazados, liberan unha secrección de cheiro forte. Aliméntanse principalmente de roedores e insectos, aínda que tamén poden cazar pequenas aves e lagomorfos. Matan as presas dunha trabada na caluga, e a diferenza doutros carnívoros comen poucos froitos. O hábitat idóneo das donicelas son cultivos e zonas con matogueira e valados, ou preto dun curso de auga. Os territorios poden ocupar, dependendo da densidade de roedores, dende as 3 ás 30 ha. Os machos ocupan territorios dunha extensión media de 34 ha e as femias de 12 ha. Encaman entre pedras ou en buracas de árbores vellas, e moitas veces habitan nos tobos das súas presas que no inverno forran co pelo dos roedores. Dentro destas tobeiras poden pasar os días máis crus do inverno, onde almacenan presas mortas para resistir sen saír ao exterior. Distribúense por Europa, o extremo norte de África, a metade norte de Asia e de Norteamérica e, introducida polo home, en Nova Zelanda. Está presente en toda a Península Ibérica e nas illas de Mallorca e Menorca; resulta un mustélido moi frecuente en Galicia, que frecuenta as proximidades do home. Ocupa gran número de hábitats, coa única condición da presenza de micromamíferos e algo de cobertura vexetal. Na Península Ibérica están presentes dúas subespecies: a M. nivalis iberica, caracterizada por presentar unha clara liña de separación entre a cor acastañada do dorso e branca do ventre e pés traseiros brancos, presente no S peninsular e chega polo norte ata Sierra Morena; e a M. nivalis vulgaris, de liña irregular, que ocupa o N da Península. Ambas as dúas subespecies mestúranse en Sierra Morena. Ademais da donicela común (M. nivalis) existen outras nove especies de aparencia e hábitos semellantes: a donicela tropical (M. africana), distribuída por toda Sudamérica; a donicela das montañas (M. altaica), que habita dende o S do Himalaia ata Siberia e Corea; a donicela colombiana (M. felipei), só coñecida en Colombia; a donicela rabilonga (M. frenata), que vive dende o S de Canadá ata Bolivia; a donicela ventriamarela (M. kathiah), distribuída dende o Himalaia ata o S de China; a donicela indonesia (M. lutreolina), propia das montañas de Indonesia; a donicela malaia (M. nidipes), restrinxida á Península Malaia; a donicela siberiana (M. sibirica), que se distribúe dende o L de Europa ata Xapón e polo S ata Xava; e a donicela raiada (M. strigidorsa), que está presente dende Nepal ata Tailandia. Tamén se denomina denociña, dona das paredes ou doniña.
Frases feitas
-
Áxil coma unha donicela. Moi áxil.