Doniños, praia de

Doniños, praia de

Praia do litoral da parroquia de Doniños, no concello de Ferrol. É unha barra areosa de cronoloxía cuaternaria que se estende de N a S, entre a punta do Castro e a Punta Penencia, ao longo de 2 km. No sector máis interior érguense unhas pequenas dunas, que pechan a lagoa de Doniños, no extremo S. Moi concorrida polos ferroláns, a súa orientación, exposta aos ventos do O e do N, faina especialmente apta para a práctica de deportes como o surf e o windsurf, feito que a converteu, xunto coas praias do Baleo, A Frouxeira, Pantín e Vilarrube (todas no veciño concello de Valdoviño), nun dos principais núcleos destas especialidades (spot) no NO da Península Ibérica.