dor

dor

(< lat dolōre)

  1. s f

    Feito subxectivo que consiste na percepción sensorial máis ou menos desagradable, acompañada dunha reacción psicoemocional do mesmo tipo. Amais destes aspectos subxectivos, que forman a auténtica vivencia dolorosa, pódense localizar como feitos expresivos que acompañan a dor unha serie de reaccións; dende as máis automáticas (como a modificación das funcións viscerais e vexetativas ou os reflexos de retirada das extremidades fronte ao estímulo doloroso) ata as máis inseridas no psiquismo do suxeito. Tecnicamente, os estímulos dolorosos cualifícanse de nociceptores. As terminacións sensoriais máis aptas para captar os estímulos dolorosos son as terminacións nerviosas finas e libres, non encapsuladas, da pel e das mucosas, nas que se orixinan patróns de impulsos aferentes, dirixidos cara ao sistema nervioso. Os impulsos chegan á medula espiñal onde hai un mecanismo de selección que tende a dar curso como mensaxes dolorosas a aquelas nas que predominan os estímulos vehiculados polas fibras periféricas máis finas, con exclusión dos outros. Dende esta sinapse ou estación medular condúcense as mensaxes dolorosas ata o tálamo óptico a través de distintos sistemas, agrupados co nome de feixe espiñotalámico. Ao chegar ao tálamo, despois dun novo proceso de filtración e de converxencia, as vías centrais da dor diverxen: unhas chegan á circunvolución máis anterior do lóbulo parietal, a posrolándica, e outras espállanse cara ao sistema límbico e cara ao lóbulo frontal.

    Sinónimos: dolor.
  2. s f

    Sentimento de aflición que experimenta alguén por un forte desengano ou por causa de calquera outro acontecemento negativo.

    Ex: Ela nunca superou a dor da morte do seu irmán.

    Sinónimos: dolor.

Refráns

  • As chagas doen menos, ben untadas.
  • Dor saca dor.
  • Non hai dor que sexa boa.