Downs, proceso
Proceso de extracción de sodio por electrólise de cloruro sódico fundido. A cela de Downs está constituída por un ánodo central de grafito rodeado por un cátodo cilíndrico de aceiro. O cloro producido expúlsase por unha cuberta situada na parte superior do ánodo. No cátodo fórmase sodio fundido que se recolle noutra cuberta situada arredor da parte superior do cátodo cilíndrico, menos denso ca o cloruro sódico. As dúas cubertas e os electrodos están separados por unha rede cilíndrica coaxial de aceiro. Engádense pequenas cantidades de cloruro de calcio ao cloruro sódico para rebaixar o seu punto de fusión. O cloruro sódico fúndese por métodos eléctricos, e a corrente que circula pola cela manteno neste estado. A medida que ten lugar a electrólise, vaise engadindo máis cloruro sódico.