dragaminas
(
Barco militar equipado especialmente para detectar e limpar de minas as canles de navegación . Nas diferentes contendas bélicas adaptáronse diversos barcos de transporte para realizar estas mesmas funcións. Algúns dos modelos máis modernos, pertencentes á V e VII flota dos EE UU, teñen unha lonxitude de 68 m, unha manga de 12 m e poden desprazar máis de 1.300 toneladas. Dotados de canóns de 50 mm, poden embarcar unha tripulación de máis de oitenta homes, incluídos os oficiais. Entre os diversos tipos, cómpre salientar os dragaminas costeiros, encargados da detección e limpeza das minas oceánicas e provistos dun sistema de neutralización e contramedidas MNS. Cunha lonxitude de 57 m, unha manga de 11 m e un desprazamento de 890 toneladas, trasladan unha tripulación de máis de cincuenta homes. Entre as contendas nas que tiveron unha participación máis salientable, cómpre subliñar a Segunda Guerra Mundial, a Guerra do Golfo contra Iraq e a operación “Liberdade duradeira” contra diversos países terroristas.