Drang nach Osten

Drang nach Osten
Nome científico: [Marcha cara ó Leste]

Movementos de expansión cara ao L levados a cabo polos pobos alemáns entre os ss XI e XIV. Tivo a súa orixe na recuperación da agricultura, baseada na rotación trienal, que se produciu nas rexións do N de Francia e que se estendeu polo Imperio Xermánico, onde se acometeu o desmonte e a cavadura de novos territorios, e no desecamento dos pantanos, que permitiu un incremento no cultivo de cereais. O Emperador Lotario (1125-1137) favoreceu esta expansión coa instalación nos territorios do L dun conxunto de señores feudais que se ocuparon da colonización: ao redor do 1110 estableceuse a familia Schauenburg no condado de Holstein; no 1123, os Wettin instaláronse na marca de Meissen e dende 1136 na marca de Lusacia; e no 1134, os ascanios asentáronse na marca do N. Xunto a este grupo de nobres xermanos, os príncipes eslavos da Pomerania, Polonia, Silesia, Bohemia, Moravia e Mecklenburgo, entre outras cidades, favoreceron o establecemento dos campesiños alemáns nas áreas que estaban baixo o seu dominio. As ordes monásticas, como agostiños, cistercienses e premonstatenses, participaron neste movemento, pero a expansión cara ao NL (Livonia, Curlandia, Estonia) comezouna a orde Teutónica. A colonización oriental supuxo o abandono dalgunhas terras marxinais cun escaso rendemento e o descenso da poboación no occidente de Alemaña. Como consecuencia deste movemento, desbordáronse os límites tradicionais do Imperio fixados pola liña do río Elbe, Saale e o bosque de Bohemia. Os colonos asentáronse en pobos fundados polos señores xermanos cerca das vías de comunicación, en cidades fundadas e construídas polos señores eslavos, que gozaban de xurisdición e administración autónoma, e sobre as comunidades rurais ou urbanas eslavas preexistentes. Durante o s XIII iniciouse unha nova vaga colonizadora orixinada nas antigas colonias da familia dos ascanios e que se estableceu en Silesia e Mecklenburgo. O movemento cara ao L finalizou no s XIV ao se iniciar a emigración da poboación rural ás cidades. No s XIX a expresión simbolizou os intentos expansionistas de Austria-Hungría nos Balcáns e foi unha das causas da Primeira Guerra Mundial.

Palabras veciñas

Drammen | dramónimo | Drancy | Drang nach Osten | drapeado -da | drapear | Drašković, Janko