drogadición

drogadición

(< ingl drug addiction)

s f [PSIC/SOCIOL]

Adición a algunha droga. Esta relación establécese polo uso repetido que o suxeito fai da droga, e pode darse tanto con substancias que gozan dun mercado legal como con outras en que o comercio e a circulación son ilegais. Este consumo abusivo provoca unha serie de cambios no metabolismo e na actividade do cerebro do suxeito, que sente o impulso irresistible de seguir consumindo droga. A dependencia pode ser física, relacionada cos efectos fisiolóxicos da droga; psíquica, relacionada coa actividade de procura da substancia en cuestión para producir pracer; física e psíquica á vez. Adoita ir asociada ao fenómeno da tolerancia, que é a necesidade de consumir cantidades cada vez maiores de droga para obter o mesmo efecto. A falta de administración da droga produce a denominada síndrome de abstinencia. A drogadición, referida sobre todo a drogas ilegais de administración endovenosa, como a heroína, comezou a ser un problema no mundo occidental a finais dos anos cincuenta e comezos dos sesenta. O Informe Mundial sobre Drogas 2000 da ONU afirmaba que uns 180 millóns de persoas no mundo teñen problemas de drogadición, encabezando a lista das máis consumidas o cannabis (144 millóns), seguido polas anfetaminas estimulantes (29), a cocaína (14) e os opiáceos (13,5), e observa un aumento no consumo das anfetaminas, se ben a heroína e a cocaína seguen a ser, xunto co alcohol, as que ocasionan unha maior conflitividade social. Trátase dun problema de carácter mundial, e así o acredita a notificación á ONU de máis de 130 países que se enfrontan a este problema. O Informe alude a toda unha serie de conflitos implícitos nesta problemática, como a expansión da SIDA, o blanqueo de cartos ou a corrupción e o financiamento ilícito. Tamén recibe as denominacións de drogodependencia e toxicomanía.

Palabras veciñas

Droese, Felix | Droeshout, Martin | droga | drogadición | drogadito -ta | drogado -da | drogar