drudo -da

drudo -da

(< prov drutz ‘amante carnal’< galés *druto ‘forte, vigoroso’)

s

Último grao da relación amorosa na poesía medieval galego-portuguesa que representa o namorado cando é aceptado pola dama no leito. O susbstantivo procede da poesía trobadoresca provenzal na que os termos que designan os graos da relación amorosa (fenhedor, pregador, entendedor e drutz) aparecen definidos nun salut d’ amor (epístola amorosa), anónimo de mediados do s XIII. Así, o fenhedor representa o amante tímido que non ousa dirixirse á súa dama; o precador, o que xa se atreve a suplicarlle á súa amada o amor que sente por ela; o entendedor, o amante xa aceptado; e o drutz é o que consegue a aceptación da amada, que culmina coa concesión do favor sexual que demanda. Na lírica galego-portuguesa, o desenvolvemento conceptual do rexistro amoroso non propicia a aparición do amante carnal (drudo), xa que a cantiga de amor presenta a unha dama esquiva e hostil, inaccesible aos requirimentos do trobador. No corpus profano galego-portugués, as únicas ocorrencias do termo localízanse no xénero de escarnio, concretamente no refrán da cantiga Dade-m’ alvíssara, Pedr’ Agudo (“Dade-m’ alvíssara, Pedr’ Agudo / vossa molher á bon drudo”) de Pero da Ponte -na que se pon en dúbida a fidelidade da muller de Pedro Agudo-, así como na fragmentaria composición O que me d’ Ensar corrudo de Pero Larouco (“é el padre do meu drudo”). Nas Cantigas de Santa Maria de Afonso X o Sabio, o termo, de uso reducido, aplícase a persoas de ambos os dous sexos; e, ademais de drudo e druda, rexístrase o termo drudaria no relato da actitude pecaminosa dos personaxes sobre os que actúa o milagre da Virxe. Así, por exemplo, a cantiga Macar ome per folia presenta a un monxe que “cada noyt’ en drudaria / a hûa sa druda ya / con ela têer / seu gasallado”. Neste caso aplícase o termo, de connotacións sexuais, para referirse a un acontecemento divino, como se comproba na cantiga mariana Tod’ aqueste mund’ a loar deveria: “Mas aquesta Virgen amou Deus atanto / que a enprennou do Espirito Santo, / sen prender end’ ela dano nen espanto; / e ben semella de Deus tal drudaria”.

(LIT )