Duarte/Duartina
Antropónimo procedente do anglosaxón Eadweard, composto de ead ‘riqueza, posesións’ e weard ‘garda, gardián’. Presenta a variante Eduardo e Eduarda e os hipocorísticos Lalo, Lilo, Chacho, Edu e Din. A forma masculina, Duarte, é un caso de aférese e perviviu como apelido. Levan este nome o rei portugués Duarte o Elocuente (1391-1438) e o duque de Bragança (1945), representante da casa real portuguesa; así mesmo, os reis ingleses desde o s IX, dous deles canonizados: santo Eduardo o Mártir (975-978) e santo Eduardo o Confesor (1042-1066). A festividade de san Duarte ou santo Eduardo celébrase o 18 de marzo e o 13 de outubro. Tamén se documenta no s XVIII como apelido: “Theresa Catoira Duarte” (doc ano 1752 en La Coruña 1752 según las Respuestas Generales del Catastro de Ensenada, p 120).