Ducale, Palazzo
Palacio situado en Venecia que foi residencia dos dux. A súa orixe remóntase ao s IX, aínda que foi reconstruído en numerosas ocasións. No s XIV adoptou o seu aspecto definitivo, ao edificarse a fronte que dá ao peirao, co balcón gótico, obra de Pier Paolo e Iacobello dalle Masegne en 1404, e a esquina do edificio de seis arcadas que mira á praza. A fronte do edificio que comunica coa basílica de San Marcos construíuse entre 1424 e 1457. Está formado por tres pisos: un pórtico baixo, unha loxa de arcos entrecruzados e un piso superior en que destacan as ventás oxivais. A decoración é obra de Matteo Raverti, Niccolo e Pietro Lamberti e Nanni di Bartolo. No punto de unión entre a praza e a basílica, Giovanni e Bartolomeo Bon realizaron a Porta della Carta (1438-1442) que dá acceso ao patio.