dulcamara
Planta herbácea perenne, de ata 2 m de altura, e de base lixeiramente leñosa. As follas teñen forma ovalada -as superiores enteiras con dúas aurículas na base e as inferiores de base lobulada- de ata 8 cm de lonxitude e dispostas de xeito alterno. As flores, pentámeras e hermafroditas, son de cor púrpura de ata 2 cm de diámetro, cos pétalos unidos na base, e 5 estames de anteras grandes de cor amarela que se dispoñen de xeito apertado. Os froitos preséntanse en bagas de 15 mm de diámetro de cor vermella cando están maduros e resultan pouco tóxicos ao ser inxeridos polo home. En Galicia está presente, ao igual que na maior parte da Europa atlántica e mediterránea, en bosques húmidos, ribeiras e costas. Da planta empréganse, como medicinais, os talos de dous anos, recollidos no outono, que contan coa maior concentración de principios activos, principalmente glucoalcaloides, como a solaceína e a solaneína, ademais da dulcamarina. Respecto ás súas aplicacións, úsase maioritariamente como diurética e contra o catarro e a tose. Pode provocar intoxicacións con diversas consecuencias, como trastornos gastrointestinais e diarreas. Tamén se denomina escornacabras, mexacán e uvas de can.