Dumio
Antiga localidade da Gallaecia, nas proximidades de Braga. No s VI un monxe procedente da Panonia, san Martiño, fundou alí un mosteiro que, debido ao carácter ariano do reino suevo, se converteu en sé episcopal católica dende 556 ata 570, cando, trala conversión do rei, o bispado volveu a Braga. Trala invasión musulmá da Península Ibérica (s VIII), algúns frades daquel cenobio fundaron un novo convento nas proximidades de Mondoñedo. Esta nova comunidade trasladou consigo a dignidade episcopal, á vez que se converteu na sé que administrou o territorio da antiga diocese de Britonia, abandonada polo seu bispo, refuxiado en Oviedo. Deste xeito, provisionalmente, a diocese de Britonia denominouse diocese de Dumio ata o 866, cando mudou o nome por Mondoñedo.