economía

economía

(< lat oeconomĭa < gr oíkovonía)

  1. [ECON]
    1. economía política

      Ciencia que estudia as leis económicas e sociais que dirixen a produción e a distribución dos medios e recursos materiais que cobren as necesidades humanas. Xurdiu como ciencia da administración de facenda e foi, trala Revolución Industrial, cando comezou a independizarse como ciencia, ocupándose das relacións sociais de produción e do estudo das leis económicas que rexen os sistemas produtivos.

    2. s f

      Ciencia que ten por obxecto a análise da realidade económica, é dicir, dos mecanismos segundo os que se asignan os recursos e se determinan os prezos.

      Desenvolvemento histórico da ciencia económica


      As orixes do termo remóntanse á antiga Grecia, na que pensadores como Platón ou Aristóteles reflexionaron sobre termos como tipo de interese ou valor, e sobre a organización económica. As súas ideas recolléronas os escolásticos medievais. Todos eles buscaban unha lei natural que rexera os fenómenos económicos; os gregos e os romanos utilizaron os principios racionais e os filósofos escolásticos a revelación divina. A partir do s XVI iniciouse unha nova fase na elaboración do pensamento económico, da man do mercantilismo, interesado nas causas que contribuían a aumentar a riqueza das nacións e dos seus cidadáns. O primeiro mercantilismo desexaba unha entrada e acumulación de metais que lle daba poder ao Estado e capital circulante aos comerciantes. Os intercambios comerciais obrigaron os autores a preocuparse por cuestións monetarias, como a balanza de pagamentos ou a política fiscal, na busca do fortalecemento das economías internas e do proteccionismo fronte aos demais. Antoine de Montchrest deulle en 1615 a esta disciplina, que se ocupaba do estudo dos negocios nacionais, o nome de economía política e os mercantilistas utilizaron o termo ciencia comercial. Entre eles abríronse dúas correntes, unha que lle daba importancia capital ao diñeiro, orixinada entre os pensadores españois do s XVI, e outra que lle concedía maior importancia á actividade comercial e industrial. Na teoría cuantitativista do diñeiro foron pioneiros os pensadores da Escola de Salamanca: Martín de Azpilicueta (1492-1586) e Tomás de Mercado (?-1575).

      Corpus científico

      A elaboración dun corpus científico foi obra dos fisiócratas franceses, dos economistas británicos e da escola clásica no s XVIII, interesados na formulación de leis e teorías que estudiasen tanto o proceso económico como a súa terminoloxía. A mediados de século publicouse a Táboa económica, do fisiócrata Quesnay, e a Riqueza das nacións, de Adam Smith, iniciador da escola clásica. Esta escola agrupouse arredor das figuras de David Riccardo e Thomas Malthus no Reino Unido, de Jean Baptiste en Francia, e de Álvaro Flórez Estrada en España. A súa doutrina denominouse laissez faire, e sostiña a existencia dun mundo de libre comercio, independente da política, que se regula por si mesmo, mediante “leis naturais” como a oferta e a demanda ou a lei de ganancias decrecentes. A súa principal preocupación era o crecemento económico e os temas relacionados coa distribución, o valor ou o comercio internacional. De D. Ricardo saíron dúas liñas, a de John Stuart Mill, que distinguía entre as leis de produción e as de distribución, e outra máis radical, na que se situarían os socialistas, que culminou na figura de Marx. O principio ordenador da escola clásica foi a teoría do valor-traballo, que supoñía un propósito de ir máis alá da aparencia dos feitos para clarificar a súa natureza, ademais de reflexionar sobre por qué algúns obxectos con menor utilidade ca outros tiñan un prezo superior. Marx foi testemuña da primeira gran crise do capitalismo na década de 1830 e da posterior crise política de 1848, e levou a cabo unha teoría económica que prevía a futura evolución socioeconómica e invitaba os actores do sistema á súa transformación. Partiu da teoría de valor-traballo e definiu o concepto de plusvalía ou diferenza entre o valor das mercadorías producidas e o valor da forza de traballo empregada, da que se apropiou a clase burguesa, propietaria dos medios de produción.

      A revolución keynesiana

      A partir de 1870, os economistas tomaron conciencia da necesidade dunha elaboración racional e integral da súa disciplina. A iniciativa partiu de varias publicacións fundamentais, coma A teoría da economía política, de Stanley Jevons, Os principios da economía política, de Carl Menger e Os elementos da economía política pura, de Leon Walras, que realizaron achegas sobre o custo e a utilidade marxinal e o equilibrio dos mercados. As diferentes escolas seguiron diversas orientacións. A escola histórica alemana, moi arredada da abstracción anterior, negaba a posibilidade de formular leis científicas en economía e cría na relatividade histórica das leis económicas. A escola neoclásica substituíu a relación de valor-traballo pola de valor-utilidade e empregou con profusión a análise matemática. Definiron os prezos como un resultado do equilibrio entre a oferta e a demanda. A primeira gran síntese realizouna Alfred Marshall na súa pedagóxica obra Principios de Economía. As circunstancias históricas de principios de século, como o triunfo da Revolución Rusa e a implantación da planificación económica socialista ou o crak de 1929, requiriron novas formulacións. A partir de 1930 a teoría económica iniciou un período expansivo, coa análise de múltiples formas de mercado e de gran número de sistemas económicos que culminaron nas teorías keynesianas, que teorizan sobre a estrutura e a análise do ingreso nacional e os seus compoñentes (consumo, investimentos e relacións interindustriais). A crise do 29 puxo de manifesto a importancia do papel do Estado na corrección dos desequilibrios económicos. En 1936 Keynes publicou Teoría xeral da ocupación, o interese e o diñeiro, na que analizaba a fase expansiva e depresiva do sistema económico capitalista. Desde o final da Segunda Guerra Mundial coexistiron distintas correntes, entre as que cómpre destacar a continuidade do marxinalismo neoclásico; a economía do benestar, interesada nun modelo que resolvese as desigualdades na riqueza; a teoría da planificación; o keynesianismo radical de Galbraith e Baran; as reflexións en favor do socialismo descentralizado; a teoría sobre o subdesenvolvemento económico, coa renovación das teorías do imperialismo; as teorías do mercado oligopolístico e monopolístico e a escola de Cambridge, que atacaba, dende o punto de vista teórico, o enfoque ortodoxo. A crise económica dos setenta puxo en dúbida o esquema de pensamento dominante e fixeron a súa aparición novas correntes de análise. A Union for Radical Political Economics, que xurdiu da esquerda norteamericana, consideraba que a ciencia económica debía converterse en economía política, unha ciencia social que se centrase no estudo das relacións de produción, declaradamente marxistas na súa análise e críticos ante o capitalismo, a estrutura de poder na sociedade e as desigualdades na repartición da riqueza entre os países e no interior destes. O movemento dos novos economistas ou monetaristas, de inspiración neoclásica, dividiuse en tres correntes, por unha banda a conservadora, representada pola Escola de Chicago, por outra os novos economistas franceses, e, finalmente, a escola de Los Angeles. Identificaron a ciencia económica coa microeconomía, que ten como finalidade o estudo das opcións racionais dos individuos na asignación dos recursos escasos, que se destinan a satisfacer as necesidades humanas ilimitadas. O desenvolvemento doutras ciencias, como a estatística ou a informática, dotaron a economía de novos instrumentos para a análise e de novas ramas da disciplina.

      Os alicerces do pensamento económico en Galicia


      Os pioneiros

      O desenvolvemento do pensamento económico en Galicia tivo os seus comezos no s XVIII. A obra de frei Bieito Xerome de Feijoó e Montenegro (1676-1764) foi pioneira neste ámbito. En 1726 comezou a publicación do Teatro crítico universal (oito volumes), que rematou en 1739, e no que, como nas Cartas eruditas y curiosas (editadas en cinco tomos entre 1742 e 1760), introduciu novos conceptos para rebater numerosos erros e supersticións fomentados pola ignorancia. Outro precursor foi Pedro Xosé García de Balboa, frei Martín Sarmiento (1695-1772), que en Obra de 660 pliegos plasmou a súa preocupación pola situación económica e cultural dos labregos, e postulou que fose a Igrexa a institución axeitada para inspirar e dirixir o proceso de desenvolvemento; formulou propostas socioeconómicas manifestamente contrarias ao sistema daquela vixente, aínda que a súa concepción social mantiña unha estrutura xerarquizada, cun estamento de labregos ou traballadores que fosen capaces de satisfacer as súas necesidades e, por outro lado, os señores dos foros que vivirían das rendas ofrecidas polos campesiños. Para Sarmiento, a irrupción nese sistema xerárquico dunha nova clase media ociosa e ambiciosa que rompía o equilibrio entre señores e campesiños, é dicir, a irrupción do capitalismo, era un vicio que desestabilizaba a harmonía natural. Formaban parte destas clases medias os intermediarios que se encargaban de recadar os impostos da facenda real e os comerciantes ou importadores que sacaban a materia prima de España para introducila posteriormente vendéndoa como produto elaborado. Defensor acérrimo do mundo agrario, criticaba a vida das clases ociosas das cidades; postulou unha economía agraria na que a industria ou o comercio servisen aos procesos rurais e á artesanía tradicional. En sintonía coa corrente fisiócrata, a agricultura era a base do desenvolvemento económico, compatible coa industrialización e a expansión do comercio. No Manifiesto del recibo de renta de los monasterios de la región de San Benito y en qué se emplean, propuña un sistema de poboamento rural onde a terra sería repartida entre os veciños de xeito equitativo. Tamén analizou as repercusións económicas do crecemento demográfico, do que concluíu que a poboación debía medrar, aínda que sempre en función da dispoñibilidade de terras de cultivo.

      Os ilustrados

      Influenciados pola Ilustración, un novo grupo de pensadores (moitos deles cregos) reflexionou sobre a crise social que sufría o territorio español no s XVIII, e achegou interesantes contribucións no desexo de elaborar un programa de desenvolvemento económico que permitise superar os problemas detectados. O seu obxectivo primordial era a mellora das condicións de vida, especialmente as condicións materiais da poboación rural, que constituía a inmensa maioría. Non obstante , na súa crítica non se formulou ningunha ruptura coa moral establecida. Xoán Francisco de Castro e Fernández (1721-1790) crego e xurista, foi un dos principais impulsores, ademais de director, da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo, fundada en 1783. Para Castro, a poboación era o motor principal do sistema produtivo, polo que a mellora da agricultura debería ir intimamente unida ao crecemento demográfico, e a mellora material dos campesiños debería basearse nos bens proporcionados pola agricultura. Mais, non tivo en conta nin os rendementos decrecentes do traballo nin o esgotamento das terras cultivadas. Para o ilustrado lucense, as manufacturas eran substitutivas dos produtos agrarios, e a súa función era proporcionar os bens que as tarefas agrarias non podían subministrar a través dun comercio vantaxoso. O comercio nacera grazas aos excedentes produtivos agrarios e industriais e, segundo esa interpretación, a economía constituía un proceso dinámico baseado en relacións de interdependencia. Ao aplicarlle o seu estudo á sociedade española e galega, sinalou como causa do estancamento económico a escasa poboación. Outro problema na sociedade daquela época era a existencia dos morgados, que para o lugués encarecían a terra, xa que non se podían vender, nin dividir e nin sequera respondían das débedas dos señores feudais, feito que os convertía nun factor estático que prexudicaba principalmente os labregos. A excesiva fiscalización que gravaba a actividade agraria era outro factor que propiciaba o estancamento económico. Pero malia a súa dura crítica, mantiña a súa fe na sociedade feudal, e para el a convivencia equilibrada entre señores feudais e labregos precisaba só dunha reforma dos morgados. O seu pensamento quedou reflectido nunha prolífica obra, da que forma parte Dios y la naturaleza. Compendio histórico, natural y político del Universo, en que se demuestra la existencia de Dios y se refiere a la Historia Natural, y Civil, la Religión, leyes y costumbres de las Naciones antiguas y modernas más conocidas del Orbe (1779). Outro ilustrado destacado foi Xosé Cornide de Saavedra e Folgueira (1734-1803), fundador da Academia de Agricultura del Reino de Galicia e socio colaborador das reales sociedades económicas de amigos do país de Lugo e Santiago de Compostela. Defensor tenaz dunha reforma do dereito e da administración, ocupouse dos problemas de desenvolvemento económico propugnando investimentos produtivos para mellorar aspectos cualitativos da poboación. Outro dos pensadores destacados, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde (1749-1806), foi un dos principais promotores da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Defendeu a importancia das artes mecánicas fronte ás liberais, e incluso logrou de Carlos III, a través da Real Cédula do 18 de Marzo de 1783, que empregos considerados como deshonrosos tivesen o recoñecemento público que merecían pola súa importancia para a economía. Non obstante , defendía o réxime feudal tradicional e propugnaba o mantemento de diferencias educacionais entre os estamentos privilexiados e a clase popular. O compostelán Luís Marcelino Pereira, catedrático de Matemáticas, propuxo en Reflexiones sobre la Ley Agraria a supresión da figura dos montes en man común e a súa privatización, ben mediante a súa distribución proporcional entre os habitantes da parroquia ou ben en poxa pública entre os mesmos, pois consideraba que o aproveitamento dos montes mancomunados era fonte de conflitos entre os veciños e ademais, que os seus rendementos estaban moi por debaixo do seu potencial. Do mesmo xeito que Xoán Francisco de Castro Fernández, Pereira opúxose á supervivencia dos morgados, e elaborou unha teoría sobre o establecemento do prezo da terra para tentar explicar a escaseza da oferta baseada na lei da oferta e da demanda, na que a demanda era constante (as necesidades das terras dos labregos permanecían constantes) e a oferta dependía de factores institucionais (os morgados impedían a libre circulación das propiedades). Propuxo a necesidade de vinculación dos diferentes estamentos sociais a través do contrato. Xoán Xosé Caamaño e Pardo (1761-1819) escribiu sobre a pesca e, de xeito especial, sobre temas tributarios. Lucas Labrada (1762-1842), de orixe humilde, mostrou na súa obra o desexo dunha nova orde social que substituíse o réxime feudal. Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809) destacou especialmente pola creación da primeira fundición española de ferro coado en proceso seguido en Sargadelos. Defensor da tecnoloxía moderna, o seu pensamento concedíalle importancia prioritaria á agricultura. O seu estudo das relacións entre os diversos sectores produtivos deulle especial relevancia ao comercio.

      As institucións académicas no Século das Luces

      Á parte das achegas teóricas que se desprenden dos seus escritos, os ilustrados galegos contribuíron ao desenvolvemento da ciencia económica coa promoción de numerosas sociedades preocupadas polo fomento social e económico do país. Estas asociacións naceron como instrumento dos grupos privilexiados e das clases dominantes para impulsar o crecemento económico e mellorar a produtividade. A primeira destas institucións foi a Academia de Agricultura del Reino de Galicia, fundada o 20 de xaneiro de 1765 na Coruña. Un dos seus principais obxectivos era superar a crise da agricultura galega. Atopaban como principais causas do decaemento agrario a baixa produtividade da terra e a extrema división das parcelas, pero as solucións que propuñan defendían os intereses dos señores feudais, como a cavadura de novas terras, a introdución de novos cultivos e o aumento da produtividade. O nulo apoio gobernamental e a falta de fondos ocasionaron a desaparición da Academia en novembro de 1774. Malia o pulo que tiñan no resto de España, as sociedades económicas non apareceron en Galicia ata finais de 1783, cando se solicitaron os permisos para fundar as de Santiago de Compostela e Lugo. A Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago fundouse en 1784, impulsada fundamentalmente polo clero compostelán, aínda que contou cun grande apoio da universidade. Tiña como obxectivos o aumento da produción e a liberalización comercial, pero sen entrar en contradición cos intereses dos terratenentes e dos comerciantes. Auspiciou a creación de centros de ensino profesional e de industrias manufactureiras. A Real Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo, fundada en 1783 por iniciativa do bispo Armañá e do cabido catedralicio, formulou un programa de fomento da agricultura e da industria baseado na extensión do cultivo do millo, da seda, do cánabo, do mel e da cera. O Real Consulado da Coruña creouse a finais de 1785, promovido pola próspera burguesía mercantil herculina coa intención de fomentar os cultivos comerciais e a industrialización. Tamén formulou propostas de reformas administrativas, territoriais e fiscais de signo liberal.

      Os economistas decimonónicos

      Do Provincialismo ao Rexionalismo

      O desenvolvemento galego topou no s XIX co obstáculo das súas propias estruturas feudais. Os problemas da propiedade da terra condenaron os habitantes do medio rural a vivir en condicións precarias e sen posibilidades de mellorar a súa situación. A incapacidade para asumir o crecemento demográfico debeuse ás limitacións na posta en funcionamento do sistema capitalista, que non se acompañou dunha transformación das estruturas produtivas. A incapacidade do sistema produtivo para facer fronte ás necesidades básicas dos galegos obrigou a moitos a emprender o camiño da emigración. O proceso de aplicación do capitalismo e da súa ideoloxía liberal atopou unha forte resistencia e provocou intensos conflitos. Destacou o Provincialismo, que se mantivo activo entre 1822 e 1868, que rexeitaba a nova división territorial de Galicia e atacaba o centralismo que se impuña dende o goberno. No sexenio revolucionario (1868-1873), as formulacións dos provincialistas galegos confluíron na corrente federalista republicana con movementos similares doutras rexións do Estado. No plano económico, os pensadores provincialistas e federalistas desexaban unha maior estabilidade, progreso e desenvolvemento económico. Entre as obras desa época destacan unha serie de escritos de carácter propagandístico, como La verdad a las aldeas de Pedro Castelos, Conferencias populares dedicadas a los obreros y aldeanos de Galicia, de Esteban Quet e La República democrática federativa, de Federico Gallardo. Coa Restauración borbónica (1874), os movementos reivindicativos expresáronse no Rexionalismo, que tivo en Manuel Murguía e Alfredo Brañas os seus principais expoñentes, que defendían na súa obra a necesidade de autogoberno para poder acadar o desenvolvemento económico e solucionar os problemas estruturais que detectaban.

      Os problemas do mercado laboral: a emigración

      Existiron dúas visións do problema, unha baseábase na idea malthusiana de desaxuste entre poboación e recursos e defendía o dereito a emigrar. Concedíaselle importancia ao ensino profesional para ter maiores oportunidades no mercado laboral, así como tamén á función de beneficencia da Igrexa católica para a atención das situacións de extrema pobreza. Entre os pensadores que compartían esta formulación cómpre destacar a Xoaquín Díaz de Rábago e Alfredo Brañas. A outra corrente responsabilizaba a estrutura socioeconómica do empobrecemento da poboación e sinalaba o progreso social como instrumento para frear a corrente migratoria. Segundo este grupo, as eivas estruturais que propiciaban a emigración eran, entre outras, un sistema tributario baseado nunha imposición excesiva e pouco equitativa, un sistema educativo escaso, desfasado e clasista, ademais dunha carencia de protección do sector agrario, castigado tamén polo excesivo fraccionamento da terra e pola carestía do diñeiro, que supuña un grave obstáculo aos investimentos dos labregos para introducir melloras nas súas explotacións. Lezón Fernández, Vales Faílde e Valeriano Villanueva foron algúns dos pensadores de talante reformista que contribuían coas súas ideas a esa corrente de pensamento.

      Principais achegas

      Xoaquín Díaz de Rábago (1837-1898), na súa obra El crédito agrícola, amosou as súas preocupacións pola agricultura e a cuestión social, é dicir, o problema migratorio, e incluso a súa visión do progreso técnico. Consciente da importancia da ciencia e da súa capacidade para converterse en instrumento de dominación, propuxo a necesidade de lexislar sobre a investigación científica para garantir a paz. Argumentou en favor da educación popular, e defendeu o investimento en investigación e tecnoloxía como medio para chegar ás altas taxas de crecemento económico que se rexistraban nos países máis avanzados. Tamén se preocupou por cuestións sociais e demográficas, e denunciou a situación de pobreza dos obreiros urbanos, froito segundo el do seu excesivo número. Entre as repercusións desa situación desfavorecida, consideraba como unha das máis nefastas a incorporación ao mercado laboral das nais de fillos pequenos. Para el a incorporación da muller ao mundo laboral non era prexudicial, sempre e cando a familia recibira unha atención prioritaria e as condicións laborais fosen óptimas, o que non era sinxelo, xa que o afán de lucro dos empresarios sumía os seus traballadores nunha vida deplorable. Alfredo Brañas (1859-1900) mostrou a súa teoría política e económica rexionalista en numerosos artigos na prensa e nas súas obras El Regionalismo e La crisis económica en la época presente y la descentralización regional, na que analizou os problemas do desenvolvemento económico e as eivas estruturais. Coñecedor da diversidade de recursos e intereses das distintas rexións de España, pronunciouse en favor dun modelo de Estado descentralizado, con institucións rexionais que puideran elaborar a política máis axeitada para o fomento das actividades económicas en cada ámbito territorial. Ademais, preocupouse polo desenvolvemento académico da economía e, neste sentido, organizou e foi secretario do Congreso Económico Galego en 1897.

      O s XX. Do atraso á plena inserción no capitalismo


      O Nacionalismo ata a Guerra Civil

      No s XX acentuáronse as reivindicacións dunha identidade política, económica e cultural. A Real Academia Galega, fundada en 1905, á parte de preocuparse polos temas de identidade galega, tivo presente dende a súa fundación a preocupación pola economía. Dende a institución reflexionouse sobre a emigración dos galegos e os problemas de desenvolvemento. Outros grupos, como as Irmandades da Fala, continuaron coa preocupación por estes temas. O atraso de Galicia no referente á renda, produtividade e incorporación tecnolóxica, era unha evidencia asumida pola totalidade dos intelectuais e gran parte da sociedade. Nos documentos nacionalistas que se suceden nas primeiras décadas da centuria incluíronse referencias explícitas ás cuestións económicas, como o Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo de 1918 no que se reclamaron reformas fiscais e do réxime da propiedade agraria, ademais de reivindicar políticas forestais e xestións aduaneiras. Tamén aquí a política e a economía camiñaban xuntas para denunciar o centralismo, o caciquismo, a emigración, o atraso da agricultura, o escaso desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias e das estradas e os elevados aranceis.

      O pensamento económico na segunda metade do s XX

      O resultado da Guerra Civil (1936-1939) provocou o exilio de moitos dos principais intelectuais do país. En Arxentina constituíuse o Consello de Galiza, no que algúns dos seus membros, como Castelao e Suárez Picallo, incluíron nos seus ensaios políticos reflexións sobre a economía galega que tiveron un importante eco na literatura posterior. Na década de 1960 xurdiron no interior de Galicia novas formacións políticas nacionalistas opostas ao réxime franquista, como a Unión do Povo Galego ou o Partido Socialista Galego, que conciliaron nos seus programas económicos as propostas marxistas coas análises da estrutura do país. Xosé Manuel Beiras Torrado converteuse coas súas obras nunha figura central, e aos seus primeiros estudios sobre desenvolvemento El problema del desarrollo en la Galicia rural (1967) e demografía Estrutura y problemas de la población gallega (1970), seguiulle unha contribución fundamental, O atraso económico de Galicia (1972), que supuxo unha revolución nos marcos de interpretación da economía galega. A teoría do atraso enunciada por Beiras foi obxecto de prolíficos debates, e entre as réplicas destacou a obra de Emilio Pérez Touriño, discípulo do profesor Beiras Torrado na universidade, que na súa tese de doutoramento, Agricultura y capitalismo. Análisis de la pequeña produción campesina (1981), cuestionaba a análise do estadio precapitalista do agro galego.

  2. s f

    Estado de riqueza dun país, dunha empresa ou dunha persoa.

    Ex: A economía dese país é moi estable.

  3. [ECON]
    1. s f

      Configuración do funcionamento dun sistema económico.

    2. economía aberta

      Sistema económico que participa no comercio internacional de bens e servicios, é dicir, na importación e exportación.

    3. economía concertada

      Sistema económico intermedio entre a economía liberal, con ausencia total de intervención estatal, e a economía dirixida ou planificada. A expresión incorporouse á terminoloxía económica con Jean Monet no I Plan Francés que marcaba directrices orientativas para o sector privado e obrigatorias para o sector público.

    4. economía de guerra

      Reestruturación do sistema produtivo dun Estado en situación de excepción, no que todas as forzas produtivas se poñen en función das necesidades bélicas prioritarias.

    5. economía de mercado

      Sistema de produción no que predominan as relacións mercantís. É característico dos estados capitalistas.

    6. economía mixta

      Sistema que permite harmonizar a colaboración entre as colectividades públicas e a iniciativa privada.

    7. economía pechada

      Sistema económico no que non se produce ningunha clase de intercambio co exterior, que pode dar lugar a unha situación de autarquía.

    8. economía social de mercado

      Sistema económico, dentro do ámbito do capitalismo, que admite unha actividade reguladora do goberno nas actividades económicas, co obxectivo de paliar as desigualdades sociais.

    9. economía somerxida

      Conxunto de actividades de produción e de servizo realizadas fóra do sistema de regulación administrativa para evitar o cumprimento das obrigas fiscais ou laborais e aforrar os custos indirectos. O tipo de traballo pode ser eventual, temporal -sobre todo nos sectores turístico e agrario-, e permanente, como actividade única ou secundaria. Tamén se denomina economía subterránea, economía oculta e economía paralela.

  4. s f [ECON]

    Ganancias obtidas por unha empresa mediante a redución dos custos medios de produción como consecuencia dunha mellor organización do seu funcionamento ou tecnoloxía (economías internas), ou da súa relación con outras unidades de produción (economías externas). Nos dous casos prodúcese un aumento de produtividade que, se deriva dunha modificación adecuada do volume de produción, se denomina economías de escala. OBS: Normalmente, emprégase en plural.

  5. s f
    1. Moderación nos gastos.

      Ex: Viven con moita economía.

      Confrontacións: aforro.
    2. Uso adecuado de algo que supón o máximo rendemento co mínimo gasto necesario.

      Ex: Economía de esforzos.

    3. Redución dos gastos, especialmente dos inútiles. OBS: Normalmente, emprégase en plural.

      Ex: Hai que facer moitas economías nos últimos días do mes.

  6. s f pl

    Cantidade de cartos que se ten aforrada.

    Ex: Investiu todas as súas economías nunha vivenda.

  7. s f

    Sistema de organización ou coordinación entre os compoñentes dunha estrutura.

  8. s f [MED]

    Conxunto harmónico de aparatos orgánicos coas leis e as funcións que os regulan.

  9. s f [BIOL]

    Adecuación e ordenación no ser vivo dos órganos e das funcións vitais en relación cos procesos catabólicos e anabólicos.

  10. s f [RELIX]

    Termo empregado por san Paulo e pola tradición eclesiástica, para designar o proxecto de salvación concibido e levado a termo por Deus na historia, que culmina en Cristo.

  11. economía ambiental

    Ciencia económica que, nas súas teorías, análise e cálculo de custos, inclúe a variable ambiental e formula medidas económicas para o manexo do medio ambiente e a súa xestión.

  12. economía da educación [EDUC]

    Parte da economía aplicada que ten por obxectivo a análise da influencia da educación nos fenómenos económicos e tamén dos aspectos económicos da educación: custos, financiamento, etc. A corrente máis estendida céntrase na noción de capital humano, con aplicación do concepto de rendemento do investimento que representan os coñecementos adquiridos no proceso educativo.

  13. economía do pensamento [FILOS]

    Principio segundo o que o home debe elixir, entre dous ou máis métodos que chegan a iguais resultados, aquel que emprega un menor número de medios conceptuais. A difusión deste principio debeuse a Guillerme de Occam.

  14. economía lingüística [LING]

    Principio formulado por André Martinet que consiste no equilibrio estatístico existente nunha lingua destinado a obter o máximo poder comunicativo cun esforzo lingüístico mínimo. A orixe desta teoría está no principio de menor esforzo (Principle of Least Effort), de George Kingsley Zipf, que defende a existencia no comportamento humano dunha compensación entre unha necesidade particular e o traballo mínimo requirido para lograr satisfacela. A. Martinet aplica as teses de G. K. Zipf á evolución das linguas, e formula o seu principio de economía lingüística como o marco básico en que se inscribe a dinámica evolutiva dunha lingua. Segundo el, os sistemas lingüísticos son o resultado da antinomía constante entre as necesidades comunicativas (que precisan dun alto número de elementos para reducir a ambigüidade e garantir a transmisión da mensaxe) e a inercia natural, que implica reducir ao mínimo o gasto de enerxía mediante a utilización dun menor número de unidades xerais de uso máis frecuente. Non obstante , esta redución do esforzo non se realiza de xeito aleatorio, senón que se basea na eficacia, isto é, na organización económica dos elementos presentes no sistema lingüístico.

  15. s f

    Administración ordenada dos bens dunha comunidade, Estado, establecemento ou familia.

    Ex: O tesoureiro ocúpase da economía da asociación de veciños. Sempre discuten pola economía doméstica.

Refráns

  • A que ten o liño e dá a fiar, é coma a que pare e dá a criar.
  • Achegador de cinsa e esparexedor de fariña.
  • Cousa que non se venda, ninguén a sementa.
  • Debe facerse a obra co diñeiro que sobra.
  • Diñeiro chama diñeiro, pero é o máis ao menos.
  • Non hai moito que abonde nin pouco que non chegue.
  • Non hai moito que non se acabe nin pouco que non se alcance.
  • Non hai moito que non se gaste nin pouco que non baste.
  • O diñeiro busca o diñeiro.
  • Ó que non lle sobra o pan, sóbralle o can.
  • O que non ten para pan, que non críe can.
  • Onde non se perde nada, sempre algo se gaña.
  • Pouca ganancia, a pouco diñeiro.
  • Rica é a casa na que un soilo gasta.