ectomicorriza
(
Tipo de micorriza formada nas raíces de plantas leñosas, especialmente nas árbores ximnospermas coma os piñeiros, e algunhas anxiospermas coma os carballos, as aciñeiras e os eucaliptos. As hifas dos fungos micorrícicos presentes no solo vense estimuladas polas secrecións das raíces e medran formando un manto groso na superficie das raiceiras secundarias. As hifas penetran entre as células e interconéctanse no interior da raíz, dando lugar a unha estrutura típica denominada rede de Hartig, onde ten lugar o intercambio de substancias entre o fungo e a planta; o fungo libera hormonas que estimulan o crecemento e ramificación das raíces das plantas. A ectomicorriza favorece a absorción, traslación e almacenamento dos nutrientes e evitan a súa perda por lixiviación. As micorrizas cobran maior importancia para o desenvolvemento das plantas en ambientes secos ou pobres en nutrientes, polo que se creou toda unha tecnoloxía para conseguir plántulas inoculadas con estes fungos que poidan contribuír ao bo establecemento das reforestacións, especialmente en medios alterados. Só presentan ectomicorrizas un 5% das plantas vasculares, aínda que en moitos casos se establece entre o fungo e a planta unha relación específica de interdependencia. As ectomicorrizas están formadas maioritariamente por fungos da subdivisión basidiomicotina, entre os que destacan algúns, polo tamaño e interese dos seus cogomelos, como os pertencentes aos xeneros Amanita, Boletus, Cantharellus, Cortinarius, Lactarius, Russula e Tricholoma.