ecumenismo

ecumenismo

(

  1. s m [RELIX]

    Movemento que procura, a través do diálogo, a unidade mundial entre as igrexas para acadar a vontade de Cristo de constituír a Igrexa de Deus. Os primeiros intentos de movemento ecuménico iniciáronse no s XIX por iniciativa das igrexas reformadas. En 1920 o cristianismo ortodoxo incorporouse ao movemento ecuménico protestante. Non obstante , o fenómeno ecuménico apenas tivo repercusión ata a celebración do Consello Mundial de Igrexas (1948). Anteriormente xa se celebraran algunhas convencións, como a Conferencia Universal Cristiá sobre a Vida e o Traballo (1925) ou a Primeira Conferencia Mundial da Fe e a Orde (1927), pero sen demasiado éxito. A Igrexa católica mantívose á marxe do movemento ata a celebración do Concilio Vaticano II (1962-1965). Nese concilio, convocado por Xoán XXIII, a Igrexa católica tiña como principais retos a renovación da vida eclesial e a definición do papel da Igrexa ante os grandes desafíos da vida moderna. Trala morte do papa (3.6.1963), Paulo VI, o seu sucesor, decidiu continuar co concilio e ademais mantivo encontros cos patriarcas ortodoxos e co arcebispo de Canterbury. Como consecuencia do concilio formouse un grupo de traballo entre o Vaticano e o Consello Mundial de Igrexas. O sucesor de Paulo VI, Xoán Paulo II, realizou tamén numerosos actos ecuménicos dende o comezo do seu pontificado: mantivo encontros co patriarca de Constantinopla (1979) e co primado da Igrexa anglicana (1982), e visitou o Consello Ecuménico das Igrexas en Xenebra (1984). Froitos destas aproximacións foron a tradución ecuménica da Biblia por especialistas católicos, ortodoxos e protestantes (1972-1975) e os acordos sobre o bautismo, a eucaristía e ministerio eclesial (1982). Tamén se crearon numerosas institucións que favorecían o ecumenismo, como o Secretariado para a Unidade dos Cristiáns (1960) ou a Comisión Internacional das Igrexas Anglicana e Católica Romana (ARCIC) co obxectivo de aproximar e reunificar ambas as igrexas. Nun sentido máis fondo do ecumenismo relixioso, as distintas igrexas cristiás abordaron dende a súa experiencia ecuménica o diálogo coas outras relixións; deste esforzo xurdiron comisións para as relacións relixiosas co Islam e co xudaísmo (1974) e outros foros e celebracións litúrxicas conxuntas, como as varias ocasións nas que os principais líderes relixiosos das distintas relixións se reuniron para pregar pola paz mundial na década de 1990, en resposta a conflitos bélicos que teñen lugar en moitas partes do planeta.

  2. s m

    Condición de universal.

Palabras veciñas

ecúmene | ecumenicidade | ecuménico -ca | ecumenismo | ecumenista | edáfico -ca | edafización