edafoloxía
(
Ciencia que estudia o solo. Emprega rudimentos da xeomorfoloxía, da física, da química, da mineraloxía, da bioloxía e da climatoloxía e, á súa vez, é unha disciplina auxiliar destas e da agronomía. Foi precisamente o interese agronómico o que favoreceu o desenvolvemento da edafoloxía, imprescindible para optimizar os rendementos das actividades agropecuarias. O nacemento da edafoloxía como ciencia autónoma adoita situarse en 1883, cando Vasilij Vasil’evič Dokuchaev defendeu a súa tese de doutoramento, O chernozem ruso, na Universidade de San Petersburgo. Dokuchaev e os seus discípulos desenvolveron os conceptos fundamentais da edafoloxía que levaron á primeira clasificación sistemática dos solos, publicada en 1938 por Baldwin, Kellog e Thorp. Entre 1970 e 1981 as Nacións Unidas, a través da FAO e da UNESCO, elaboraron o Mapa dos Solos do Mundo, no que se recoñecían 28 grupos de solos, divididos en subgrupos. Paralelamente, en 1975 o Natural Resources Conservation Service (servicio de conservación dos recursos naturais) do United States Department of Agricultura (departamento de agricultura dos EE UU) presentou a súa clasificación dos solos (Keys to Soil Taxonomy), que os agrupaba en 10 ordes, divididas en subordes. Nas reedicións de 1990 e 1998 incorporáronse dúas novas ordes, de xeito que pasaron a ser 12. Os principais centros de investigación de edafoloxía en Galicia son o Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia (IIAG) e os departamentos de edafoloxía das tres universidades públicas. O IIAG, fundado en 1955, depende do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e ten un departamento de bioquímica do solo. Tamén se denomina pedoloxía.