Ediciós do Castro

Ediciós do Castro

Empresa editorial que comezou a súa actividade en 1963 en Sada, coa publicación de dous orixinais titulados El toro Júbilo e O Meco (1963), da autoría de Luís Seoane, un dos seus fundadores. A editorial non xurdiu como unha empresa illada, pois forma parte do grupo Sargadelos, un conxunto de empresas nacidas ao abeiro dunha institución que se forxou no exilio americano: o Laboratorio de Formas, ideado por Isaac Díaz Pardo. Tiña como tarefa principal restaurar a memoria histórica de Galicia apoiando a investigación en todos os campos do saber e o coñecemento científico das bases económicas. Ao longo dos anos foron máis de 700 autores e 1.200 títulos recollidos nas coleccións “Documentos”, “Ensaio”, “Historia”, “Creación Literaria”, “Arte e Arquitectura”, “Cadernos do Seminario de Sargadelos” e “Publicacións do Seminario de Estudos Galegos”. Editou tamén as revistas Gallaecia, Larouco, Minius, Luzes de Galiza e Unión Libre, ademais de edicións facsimilares do xornal Galicia ou das revistas Galicia Emigrante e Correo Literario.