Edipo, complexo de

Edipo, complexo de
[PSIC]

Conxunto inconsciente e organizado dos impulsos amorosos e hostís que o neno experimenta cara ao seu pai ou substituto, segundo a psicanálise. Na forma positiva preséntase semellante ao mito de Edipo: desexo de morte do proxenitor do mesmo sexo e desexo sexual cara ao proxenitor do sexo oposto; na forma negativa é á inversa. Normalmente, ambas as dúas formas van integradas na forma completa do complexo, que comeza aos dous ou tres anos, e vívese intensamente entre os tres e os cinco anos (durante o estadio fálico) e finaliza aos cinco ou seis anos (ó entrar o infante no período de latencia). No neno a situación afectiva creada polo complexo finalmente desaparece, posto que o neno teme ser castigado coa castración a causa dos impulsos e das súas actividades eróticas (enurese, masturbación, etc). Na nena, o complexo de Edipo fai posible o complexo de castración, xa que a súa propia anatomía fai que se identifique coa nai co fin de obter o falo do pai. Coa entrada no período de latencia, o complexo de Edipo perde intensidade, interiorízase e o compoñente sexual queda reprimido; con iso o infante acostuma identificarse, polo afán de substituílo, co proxenitor do seu mesmo sexo e conserva un amor asexual cara ao proxenitor do sexo oposto. Coa puberdade refaise a situación creada polo complexo de Edipo; o suxeito consegue superalo mediante a reorientación dos seus impulsos cara a outros individuos, cos que establece relacións análogas ás mantidas durante a infancia cos propios pais. Descuberto por S. Freud, o complexo de Edipo constitúe un dos piares fundamentais da teoría psicanalítica.

Palabras veciñas

edingtonita | Edipo | Edipo Rei | Edipo, complexo de | Ediprem | Edirne | Edirne