Diario de Barcelona

Diario de Barcelona

Xornal aparecido en Barcelona o 1 de outubro de 1792, fundado por Pedro Pablo Hussonde Lapezaran. Foi unha publicación conservadora, católica, e defensora dos intereses económicos rexionais e monárquicos. Durante gran parte do s XIX representou a burguesía catalana. A súa redacción facíase en castelán, aínda que a partir de 1793 se publicaron algunhas poesías en catalán e durante a ocupación napoleónica redactouse en castelán, catalán e francés. O 28 de febreiro de 1814 adquiriuno Antonio Brusi i Mirabent, con quen iniciou a etapa máis destacada do diario. No s XX principiou unha certa decadencia do xornal que deixa de representar os intereses políticos e económicos cataláns e limítase a servir a unha minoría cortesana e centralista. Volveu saír en catalán a partir do 19 de xullo de 1936 e ata 1940. Durante uns anos captou o interese do público polo seu barcelonismo, pola súa fidelidade á causa monárquica e pola mellor acollida que lle dispensaba ás noticias dos aliados durante a Segunda Guerra Mundial. Sucesivas crises empresariais desde 1973 levárono ao fracaso en 1980. Desde ese ano mantivérono un grupo de traballadores cunha tiraxe moi curta ata que en 1984 se deixou de publicar definitivamente. Entre os seus colaboradores históricos figuran diversos intelectuais cataláns como Pau Piferrer, Joan Cortada, Joaquim Rubió i Ors, Llorens i Barba e Joan Maragall.