druidismo
(< druída)
Institución de carácter relixioso que existiu nos pobos celtas das Illas Británicas e da antiga Galia Transalpina. Algúns estudiosos sosteñen que os celtas herdaron a tradición dos pobos autóctonos de Irlanda e Gran Bretaña. Outros opinan que os romanos a coñeceron canda a conquista das Galias por Xulio César. O seu declive veu dado polas invasións dos pobos xermanos e pola introdución progresiva do cristianismo. Ao redor do s V formáronse ordes de druídas centradas máis no cultivo das artes ca en perpetuar a antiga relixión. Segundo a posición xerárquica que ocupasen dentro do grupo, os seus membros dedicábanse á literatura (bardos), á música (ovatos), aos estudios do carácter céltico ou ás belas artes; e reservábaselles o coñecemento dos misterios das distintas ciencias aos que ocupaban a posición máis relevante. A figura do mago Merlín, recollida en diversas obras da materia de Bretaña, encarna en boa medida a sabedoría dos antigos druídas.