Eduardo Barreiros, Fundación

Eduardo Barreiros, Fundación

Fundación sen ánimo de lucro constituída en Madrid o 16 de marzo de 1997 baixo a presidencia de honra de Dorinda Ramos Ramos e presidida por María Luz Barreiros, filla de Eduardo Barreiros. Entre os seus obxectivos destacan a promoción do coñecemento e a divulgación da historia do deseño industrial, como parte do patrimonio cultural dos pobos, a promoción e a investigación no campo da tecnoloxía da automoción e dos motores para todo tipo de vehículos, o fomento da investigación, o estudo e a experimentación de novos métodos e técnicas relacionadas cos anteriores, e a institución e dotación do Premio Eduardo Barreiros, que recoñece publicamente os méritos daqueles traballos de investigación no campo que constitúe o obxecto da fundación. Para o cumprimento destes obxectivos desenvolvéronse diferentes actividades, entre as que sobresaen o sostemento do Museo Eduardo Barreiros, que acolle a colección Barreiros; a realización de seminarios, coloquios e conferencias; a edición de publicacións; a realización de intercambios de profesores, profesionais, técnicos e estudiantes; e o apoio á realización de actividades semellantes ás que constitúen os fins da fundación. Asinou un convenio coa Universidad Complutense de Madrid (UCM) para a creación da cátedra Eduardo Barreiros, dedicada á análise, investigación e docencia respecto á realidade, problemas e perspectivas do automóbil na industrialización española. Dende o 14 de xuño do 2001 o seu primeiro titular foi o catedrático de Economía da Universidade de Barcelona Jordi Nadal.