Eduardo Vieira SA
Empresa do sector pesqueiro nacida a finais do s XIX, fundada por Eduardo Vieira e que máis tarde pasou a pertencer a Julio Vieira Ruíz e fillos. Desde os anos corenta do s XX faenaba principalmente na costa española, en Irlanda, Inglaterra e Terranova; nos sesenta, o esgotamento dos caladoiros e a aparición do peixe conxelado orientaron a empresa cara a novos caladoiros, polo que se iniciou un período de expansión a outros continentes. O Grupo Vieirasa conta cunha flota de buques conxeladores e de peixe fresco distribuídos nas distintas sociedades de diferentes países. Desde finais dos oitenta penetrou no continente africano; en 1989 en Namibia, coa participación na empresa Cadilu Fishing, que adquiriu totalmente en 1995, trala construción dunha factoría procesadora, e cunha flota de tres buques conxeladores e cinco de fresco. En 1990 instalouse en Senegal, onde a empresa elaboradora Senevisa posúe unha flota de oito buques conxeladores e un de fresco. Na década dos noventa comezou os seus investimentos en Sudamérica; en 1990 en Chile, a través da súa filial Concar, empresa que culminou en 1996 a construción dun frigorífico e dunha sala de procesado en Port Williams; en 1992 instalouse en Arxentina, para o que constituíu a sociedade Vieira Argentina, dedicada á pesca de bacallao, túnidos, escualos, pescada e lagostino, e adquiriu Pescasur, empresa dedicada á pesca, elaboración e comercialización de produtos pesqueiros; e en Perú tomou contacto co sector coa adquisición dun buque conxelador. Mantén tamén unha actividade pesqueira directa desde Galicia, con barcos que faenan no Gran Sol e Guinea. Outras empresas que forman parte do Grupo Vieirasa e operan na Península son Convisa, distribuidora de produtos conxelados, con sede en Santiago de Compostela; a rede de tendas de conxelados La Plaza, con tendas en Vigo e Extremadura; a planta elaboradora Vigoca, situada en Cáceres, e Frigoríficos de Rande, na Ría de Vigo; e as marcas comerciais Vieirasa e Ricomar.