Edzná
Antiga cidade maia situada no estado de Campeche (México). Erixida no val de Edzná, as chuvias e as inundacións da rexión provocaron o desenvolvemento dun sistema hidráulico formado por cisternas, canles, desaugadoiros e depósitos que permitiron a condución e o almacenamento das aguas e a irrigación das terras. Os restos máis antigos son pezas cerámicas datadas cara ao 400 a C, mais a cidade acadou o seu esplendor entre os ss VII e VIII. Destaca o conxunto da Grande Acrópole formado por un templo-palacio composto por unha pirámide de cinco pisos, en que se abren ao exterior diversas habitacións, cun templo no seu cumio con planta en forma de cruz e cun coroamento como remate. Consérvanse, entre outros edificios, o templo dos Mascarones, o patio Puuc e o xogo de pelota.