efémera

efémera
s f [ANIMAL/ENTOM]

Insecto da orde dos efemerópteros que presenta na fase adulta medidas de ata 30 mm, alas anteriores máis ou menos triangulares e membranosas, cunha complexa estrutura de veas e alas posteriores pequenas ou ausentes -que en conxunto manteñen pregadas sobre o corpo cando o animal está pousado-, antenas moi curtas, abdome rematado en dous ou tres filamentos e pezas bucais non funcionais. Os machos teñen os ollos compostos -nalgunhas especies están divididos- e patas anteriores moi alongadas, mentres que as femias presentan os ollos de menor tamaño e patas anteriores máis curtas. Durante o desenvolvemento larvario son animais acuáticos, as máis das especies viven en augas doces aínda que outras especies se desenvolven en augas salobres. Son de corpo alongado con entre catro e sete pares de branquias sobre os segmentos abdominais; algunhas especies teñen branquias filamentosas sobre coxas ou maxilas, con pezas bucais mastigadoras, dous longos cercos filamentosos e un filamento central ao final do abdome. Os tarsos están formados por un único segmento cunha soa uña no extremo. As ninfas pódense dividir en tres tipos fundamentais: nadadoras -de forma hidrodinámica-, reptadoras -aplanadas e con patas fortes que viven nas correntes sobre ou debaixo de pedras- e escavadoras -cilíndricas con patas modificadas para furar-. Presentan metamorfose hemimetábola e son os únicos insectos que teñen dúas fases aladas no seu ciclo de vida, feito que se considera un vestixio evolutivo. As larvas tardan en desenvolverse, dependendo da especie e da latitude, dúas semanas, un ano ou incluso máis. Durante este período aliméntanse de detritos, algas e diatomeas, aínda que algunhas especies son depredadoras. Cando completan o desenvolvemento, que pode comprender ata 45 mudas, as larvas ascenden ata a superficie onde mudan, dando lugar a un insecto alado, denominado subimago, pero non maduro para a reprodución. Os subimagos teñen as alas afumadas e cubertas, ao igual ca o resto do corpo, de pelos hidrófugos, característica que lles permite desprenderse da tona da auga. Pouco despois ten lugar unha segunda muda, que dá lugar xa ao insecto adulto maduro sexualmente, de coloración máis viva e alas transparentes. Aínda que algunhas especies viven poucas horas como adultos, outras duran máis dun mes, polo que a duración das distintas fases vitais é, contrariamente á crenza popular, semellante á doutras ordes de insectos. Os machos adultos da maioría das especies forman grupos en voo, nos que entran as femias que son atrapadas, e é neste momento no que teñen lugar as cópulas. Xeralmente, as femias mentres voan depositan os ovos introducindo o abdome na auga e estes caen ao fondo. Na Península Ibérica están presentes máis de 130 especies que pertencen principalmente ás familias dos bétidos, de adultos de entre 4 e 10 mm de lonxitude, con alas posteriores moi pequenas ou ausentes, dous filamentos no abdome e os ollos da maioría das especies divididos en dúas áreas distintas, con ninfas de corpo delgado en láminas; a familia dos leptoflébidos, de entre 6 e 10 mm, con tres filamentos no extremo do abdome, a maioría das especies son de cor café ou amarelas, e as larvas cun cepillo denso de pelos curtos e grosos no extremo das maxilas e branquias bifurcadas; e a familia dos heptaxénidos, con adultos de entre 8 e 14 mm, con dous filamentos posteriores e ninfas aplanadas e adaptadas a vivir entre pedras en augas de corrente rápida. As efémeras son presa habitual de peixes, polo que se fan imitacións para a pesca fluvial nas denominadas “moscas”. Pola súa dependencia das augas limpas, tamén se empregan como bioindicadoras da calidade dos cursos fluviais.

Palabras veciñas

efedroide | efelcístico -ca | efélide | efémera | efeméride | efémero -ra | efemerófito